15 Nov A COMG recibe como “boa nova” para a industria e a sociedade a crecaión da empresa mixta Recursos de Galicia
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) recibe como “boa nova” para a industria e para a sociedade a creación da empresa mixta Recursos de Galicia. O obxecto desta nova sociedade é investir en proxectos eólicos, tanto terrestres como mariños, en proxectos mineiros, naqueles ligados coa concesión de augas, como os de enerxía hidráulica, e noutras enerxías renovables (biogás, solar etc.).
“A posta en marcha dos proxectos mineiros que son necesarios para a transición a unha economía verde, os que buscan a extracción de recursos como cobre, wólfram, litio, coltán ou níquel, requiren grandes investimentos. A creación desta empresa con capital e impulso público é unha boa noticia para a industria da minería en Galicia”, explica Juan José López, presidente da COMG. “As empresas mineiras de Galicia e os profesionais do sector estamos expectantes por empezar a traballar con proxectos de longo percorrido, que provoquen efectos sociais e económicos positivos na nosa terra”, engade.
A COMG lembra que, en Galicia, o sector mineiro está centrado principalmente en pemes e en pequenos negocios, non en grandes empresas explotadoras. Como dato, un 95% da totalidade dos dereitos mineiros concedidos teñen a súa sede social en Galicia e un 88% deses dereitos mineiros de explotación, están concedidos a pemes. “A investigación e a construción de minas para extraer eses minerais está fóra do alcance da maioría das empresas mineiras galegas de forma individual. Con todo, cando se agrupe capital en Recursos de Galicia, poderán levalas a cabo co respaldo doutras empresas”, explica Juan José López.
A COMG coincide coa administración autonómica cuxo obxectivo é garantir que a xestión da riqueza dos recursos naturais galegos traducirase sempre en riqueza social para a comunidade. “Desde a COMG sostemos que as cadeas de valor das industrias máis importantes de Galicia poderían estar na minería da nosa terra. Existen evidencias claras de metais moi importantes que poden ser achegados á sociedade cunha minería sostible, para empregar estes recursos sen comprometer o desenvolvemento futuro nin o medioambiente. Así, a riqueza do subsolo de Galicia, que sabemos é moi importante, poderá redundar no beneficio de toda a sociedade”, declara o presidente da COMG.