Encrobas usos comg web

A COMG presenta unha proposta de usos para o lago mineiro das Encrobas

A Cámara Oficial Mineira de Galicia desenvolveu un plan de acción en resposta á consulta pública sobre os posibles usos que se poden dar ao lago de Meirama lanzada polo concello de Cerceda.

Esta proposta engloba saúde, turismo e sustentabilidade e inclúe tres puntos estratéxicos. En primeiro lugar, que o lago sexa a sede na Costa da Morte do Club de Remo CBS. Esta localización reúne as características necesarias para practicar remo en Dragón Boat, a disciplina que levan a cabo as mulleres sobreviventes de cancro de mama da Fundación Naru, que o pasado ano asinou un convenio de colaboración coa COMG.

O segundo punto que inclúe a proposta é a creación dun roteiro de sendeirismo que sirva á súa vez para fomentar o turismo xeolóxico-mineiro mediante señalética que informe da xeoloxía da zona, o seu pasado mineiro ou o proceso de restauración da antiga mina. Por último, incluír o lago dentro do proxecto de absorción de CO2 que está a liderar a COMG e que pretende poñer en valor o potencial de captura de CO2 de restauracións mineiras, mediante as masas forestais, os chans rexenerados e as masas de auga, como é o caso do lago de As Encrobas.

O GOBERNO INCLÚE MEIRAMA NAS AXUDAS DE TRANSICIÓN XUSTA

Cerceda acollerá ademais na antiga planta da central térmica un proxecto de produción de hidróxeno verde, desenvolto por Naturgy, Repsol e Reganosa. O Goberno Central outorgará 15 millóns de euros para o seu desenvolvemento, así o anunciou a directora do Instituto para a Transición Xusta (ITJ), Laura Martín, na inauguración da xornada sobre este convenio de transición xusta celebrado en Cerceda (A Coruña).

No caso de Meirama, as axudas teñen en conta os cinco municipios da provincia da Coruña afectados polo peche da central térmica de Meirama: Carral, Cerceda, A Laracha, Ordes e Tordoia. Este é un dos quince convenios que se están levando a cabo en España para atender os efectos do peche de minas de carbón, centrais térmicas de carbón e nucleares. Pola súa banda, o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández, asegurou que a Xunta defende que Cerceda siga sendo un dos «motores enerxéticos» de Galicia a través do binomio industria-sustentabilidade.