Firma hidrogeno verde

A COMG participa na sinatura da Alianza industrial galega do hidróxeno verde

A Alianza industrial galega do hidróxeno verde foi presentada o pasado 21 de decembro co obxectivo de converter a Galicia en referente internacional neste ámbito. “Cada vez está máis claro: estamos inmersos nunha nova revolución industrial e esíxeselle á industria que reduza emisións e opte por fontes de enerxía limpas”, destacou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Neste sentido, o titular do Goberno galego chamou a “consolidar a Galicia como un referente internacional na industria de hidróxeno verde”.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, subliñou que a meta desta alianza é “establecer unha estratexia de colaboración público-privada para impulsar un tecido industrial vinculado a esta nova tecnoloxía”.
Uría subliñou que existe “unha oportunidade para Galicia para situala á vangarda” e tamén “para demandar as infraestruturas precisas para que este crecemento exponencial se vexa máis fortalecido”.
Pola súa banda, o catedrático do departamento de física de partículas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director técnico da Asociación Galega do H2, Luís Varela, destacou a “importancia” do hidróxeno verde na transición enerxética. Respecto diso, puntualizou que “sería bo que haxa unha boa prospección dos recursos” de que dispón a comunidade.
O acto tamén contou con representación da Cámara Oficial Mineira de Galicia, a través do seu presidente, Juan José López Muñoz. Desde a COMG aplauden esta iniciativa que supón unha oportunidade para Galicia para situarse na cabeza da innovación, a descarbonización e a dinamización do tecido industrial da comunidade.