28 Mai A COMG organiza unha excursión gratuíta pola Ría de Vigo para coñecer os históricos cargadoiros de mineral de Rande
As prazas para participar na actividade esgotáronse. Se desexas inscribirte na lista de reserva, podes facelo a través do correo electrónico oficina.tecnica@camaraminera.org
O sábado 8 de xuño, a Cámara Oficial Mineira de Galicia organiza unha visita guiada gratuíta aos cargadoiros de mineral de Rande e do Coto Wagner, na Ría de Vigo. Esta actividade desenvólvese no marco da plataforma Minaría Sostible de Galicia, a través do seu programa MInaTUR, en colaboración coa Xunta de Galicia.
Esta iniciativa pon a disposición de todos os participantes unha oportunidade única para coñecer as históricas instalacións, da man do xeólogo Eduardo Gómez Clavijo, a través dun roteiro en barco de 17 km de ida e volta pola Ría de Vigo, dende o Náutico de Vigo ata a zona da ponte de Rande. Estas instalacións constitúen unha significativa referencia da arquitectura portuaria do século XX e do seu uso en relación coa minaría, o comercio e a exportación de minerais de Galicia e de Castela e León.
Para garantir a calidade da visita, esta realizarase en barco, xa que os cargadoiros están rodeados de vexetación e a súa observación desde a terra resulta practicamente imposible. A ruta tamén inclúe o desembarco e a visita ao Museo Meirande, o centro de interpretación da Batalla e do Patrimonio Cultural de Rande.
A actividade comezará ás 09:45 h. no Náutico de Vigo. A duración aproximada da visita é de 4 horas. A inscrición é gratuíta e obrigatoria, xa que as prazas son limitadas. Podes apuntarte a través da seguinte ligazón.
Para solicitar máis información, podes contactar coa Oficina Técnica da COMG a través do seguinte correo: oficina.tecnica@camaraminera.org.