08 Abr A COMG incorpora ao Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste
- O ente colexial vén de confirmar a súa adhesión, como membro de pleno dereito con voz e voto.
- Cúmprese así o obxectivo da Cámara Oficial Mineira de Galicia de potenciar a unión de esforzos en favor dunha minería sustentable en Galicia.
A Coruña, 8 de abril de 2014.
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España ( COIMNE) vén de confirmar a súa incorporación como membro da Cámara Oficial Mineira de Galicia, co obxectivo de axudar á consecución dunha minería sustentable en Galicia, a través da súa participación no ente cameral. Deste xeito, e tras a recente adhesión do Ilustre Colexio Oficial de Geólogos e do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia, a Cámara logra o seu obxectivo de integrar outro dos colectivos profesionais relacionados coa actividade mineira. Trátase así de unir esforzos para garantir un sector mineiro galego ambientalmente compatible, socialmente responsable, laboralmente seguro e economicamente rendible.
A relevancia dos Enxeñeiros de Minas no desenvolvemento das actividades mineiras levou ao organismo que preside Juan de Deus Martín Aparicio a propoñerlle ao decano delegado do COIMNE, Juan José Igrexas Suárez, a súa incorporación á COMG. Ambas as partes coinciden en afirmar que a súa integración como membro activo “redundará en beneficio do sector mineiro e, por tanto, dos enxeñeiros colexiados”.