Inproyen

A COMG e Inproyen realizarán proxectos para cuantificar e reducir os gases de efecto invernadoiro na industria

A Cámara Oficial Mineira de Galicia e Inproyen Consulting, grupo internacional de consultoría ambiental técnico-científica e elaboración de tecnoloxías verdes que pertence como membro á COMG, acaban de asinar un convenio de colaboración para fomentar a sustentabilidade do sector mineiro mediante a regulación das emisións de efecto invernadoiro.

A grandes liñas, o obxectivo deste convenio será a cuantificación e absorción de gases de efecto invernadoiro (GEI), así como a creación e xestión dun consorcio galego de compensación das emisións de GEI entre os membros da COMG e outras industrias de Galicia.

Esta iniciativa enmárcase dentro do compromiso que adquiriu o Consello Europeo de reducir as emisións da Unión polo menos nun 40% para 2030 con respecto aos valores de 1990. O principal instrumento para alcanzar este obxectivo é un réxime de comercio de dereitos de emisión da Unión Europea (RCDE UE).

A COMG e Inproyen adaptarán as súas iniciativas aos estándares marcados por UNE-EN ISO 14064-2:2019, entre eles: identificación de oportunidades de redución das emisións, participación nos rexistros voluntarios de GEI ou as iniciativas de informes de sustentabilidade, compra e venda de dereitos ou créditos de GEI, etc.

Ambas as entidades cooperarán para a realización de xestión de Proxectos de Gases de Efecto Invernadoiro en relación coa cuantificación e seguimento de procesos de cálculo, e redución de GEI para os membros da COMG. Todo iso, dentro de de un marco-consorcio de transferencia das absorcións duns membros a outros que queiran beneficiarse das mesas para a compensación das súas emisións, ou as de terceiros.

Esta iniciativa impulsará a implantación do cálculo da pegada de carbono por parte das entidades membro da COMG, así como os correspondentes plans de redución de emisións serán o primeiro paso para a compensación das emisións restantes para obter a neutralidade de carbono.