Minas viveiro ruta minera

A COMG colabora coa posta en valor das Minas da Silvarosa

Esta semana a directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Arantxa Prado, visitou as minas da Silvarosa (Viveiro) para planificar coa Comunidade de Montes como será o futuro roteiro que poñerá en valor o patrimonio mineiro asociado a estas explotacións pechadas nos anos 60.

A Asociación Cultural e Deportiva Minas da Silvarosa tamén participa neste proxecto que busca promocionar esta zona que durante 70 anos estivo marcada polo desenvolvemento económico e social grazas ao traballo nas minas, que constituíron no seu momento o xacemento de ferro máis importante de Galicia.

Para poder impulsar o turismo mineiro, están a levarse a cabo traballos de accesibilidade, xa que moitos puntos de interese xa estaban identificados, pero non era posible acceder a eles. Entre estes puntos áchanse o edificio da machacadora, os talleres ou os comedores, así como parte das instalacións por onde se desprazaban as vagonetas para incorporalas ao tranvía aéreo. Ademais, tamén se están acondicionando as bocaminas para que poidan ser visitadas.

O obxectivo destas melloras é establecer un novo roteiro de sendeirismo para que os visitantes poidan coñecer estes puntos de interese e recoñecer a súa historia mediante a correspondente cartelería explicativa.