04 Xul A COMG celebra unha xornada para presentar á súa nova directora
O pasado venres, a Cámara Oficial Mineira de Galicia celebrou unha xornada online dirixida aos membros e socios da entidade co obxectivo de presentar á súa nova directora, Arantxa Prado Santiago. Así mesmo, os asistentes puideron poñerse ao día con todas aquelas iniciativas que se están levando a cabo desde a COMG para impulsar o sector extractivo na nosa comunidade.
Durante a xornada, interveu, ademais de Arantxa Prado; Juan José López Muñoz, presidente da entidade. Prado mostrou o seu entusiasmo fronte ao seu novo posto, así como o seu compromiso co sector, onde o primeiro paso que está a levar a cabo é a visita aos Clústeres, Asociacións e empresas que conforman a COMG, e desta maneira coñecer de primeira man a industria extractiva e poder recoller as inquietudes dos diferentes sectores que conforman a minaría de Galicia.
O presidente e a directora detallaron algúns dos proxectos que se poñerán en marcha antes da finalización do ano 2022. Entre eles, a segunda edición do evento ‘Minerais estratéxicos para a industria galega’, novos contidos audiovisuais para dinamizar a plataforma Minaría Sostible de Galicia, materiais didácticos dirixidos aos máis pequenos nos seus centros educativos, así como unha colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) para catalogar e promocionar as materias primas das que dispoñemos en territorio galego.