12 Dec A Cámara Oficial Mineira de Galicia celebrou os premios Santa Bárbara
A Cámara Oficial Mineira de Galicia vén de entregar este venres 2 de decembro en Santiago de Compostela os premios Santa Bárbara, nunha xornada que reuniu á comunidade mineira galega con motivo da celebración da festividade da súa patroa.
Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación ratificou o compromiso de Galicia co sector mineiro a través da Axenda de impulso da minaría sustentable de Galicia, na que a Xunta prevé investir 31,9M€. “Agradezo esta iniciativa da Cámara, xa que os galardóns contribúen a reivindicar o modelo de minaría galega, baseado na sustentabilidade, innovación e na responsabilidade”, declarou Conde.
Sobre innovación tamén falou Juan José López, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, que repasou os proxectos máis recentes que están a posicionar a minaría galega como un motor para a industria. “Nestes momentos temos en marcha varios proxectos de investigación, minaría urbana e reciclaxe de materiais, en enerxías renovables e na busca de novas aplicacións. É necesario coñecer os recursos dos que dispoñemos para que as Universidades e centros tecnolóxicos investiguen, xa que os minerais son fundamentais para a descarbonización da economía”, explicou o presidente da COMG.
Juan José López explicou as iniciativas que están levando a cabo coa colaboración doutras entidades e que “poderán influír directamente no futuro de Galicia”. Entre elas, o aporte de áridos para a enerxía eólica mariña e proxectos de I+D+i relacionados co desenvolvemento de hidróxeno verde, un novo filón para Galicia.
“Ademais a restauración de antigas explotacións supón unha oportunidade de novas actividades, como proxectos de absorción de carbono”, explicou López.
O presidente remarcou que “a misión do sector mineiro galego é facer todo o posible para o desenvolvemento do potencial empresarial galego”. Galicia, comunidade tradicionalmente mineira pode aportar 12 dos 30 minerais estratéxicos marcados pola Unión Europea.
Os premiados
- O premio Traxectoria recaeu sobre Cándido Novoa Castro, fundador no 1971 de Graveras Castro e que ao longo da súa andanza promoveu os métodos de extracción nas areiras galegas
- O premio Comunicación foi outorgado ao Grupo El Progreso, pola súa labor de comunicación ao longo deste ano, con artigos que tratan de aproximar a minaría sostible e a investigación xeomineira do noso territorio á sociedade..
- O premio Minaría Sostible recaeu sobre Prebetong Lugo, polo seu compromiso coa calidade e o respecto polo medio ambiente.