A Cámara Mineira e o ISSGA colaborarán na promoción da seguridade e a saúde laboral

  • O presidente da Cámara Mineira, Francisco Aréchaga, e a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, rubricaron hoxe un convenio de colaboración neste sentido.
  • Ambos os organismos traballarán conxuntamente na creación de ferramentas de xestión, así como na análise de información e no establecemento de índices para elaborar estatísticas representativas.
  • Sensibilizaranse ás distintas administracións e empresas sobre as prácticas preventivas idóneas.

 

A Coruña, 22 de marzo de 2011.
A Cámara Oficial Mineira de Galicia desenvolverá e promoverá diversas accións e estudos en materia de seguridade e saúde laboral no sector de minaríaa galega en colaboración co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia ( ISSGA) .
O presidente da Cámara, Francisco Aréchaga, e a directora do Instituto, Adela Quinzá-Torroja,asinaron hoxe na Coruña un convenio de colaboración para levar a cabo esta actuación que ten como obxectivo principal velar pola seguridade dos traballadores deste sector e regular a colaboración que existe entre a Cámara Mineira e o ISSGA para intercambiar datos e informes en materia de riscos laborais.
Ambos os organismos colaborarán na creación de ferramentas de xestión, así como na análise de información e no establecemento de índices e cocientes que permitan a elaboración de estatísticas representativas. Ademais, estableceranse protocolos de funcionamento que permitan a análise da evolución destes cocientes e a actualización continua dos datos de sinistralidade.
Así mesmo, a Cámara Mineira e o ISSGA deseñarán e desenvolverán accións de información, divulgación e formación en materia preventiva tanto para as distintas administracións como para as empresas do sector á vez que elaborarán informes en materia de seguridade e saúde mineira co obxecto de informar e sensibilizar ás distintas administracións e empresas mineiras sobre as prácticas preventivas idóneas.
Por último, favorecerase a difusión e o coñecemento das investigacións realizadas mediante publicacións e outras accións de comunicación. Unha comisión de seguimento velará polo cumprimento deste convenio que entra mañá en vigor e conta cunha duración de catro anos. O acordo poderá ser prorrogado por períodos sucesivos de igual duración.