10 Ago Actualización da Guía de directrices para a prevención da COVID en explotacións mineiras e plantas de tratamento
A Comisión de Seguridade Mineira pertencente ao MITECO modificou algunhas das pautas da guía de directrices para a prevención da COVID en explotacións mineiras e plantas de tratamento publicada o pasado mes de abril.
A guía de carácter global, enumera as directrices para seguir durante a xornada laboral, a recepción de persoas alleas á empresa, os desprazamentos ao traballo, a hixienización dos diferentes espazos e o protocolo de actuación en caso de contaxio.
Os cambios máis significativos do documento son:
Antes de ir ao traballo
Aumenta os casos nos que se considera “contacto estreito”, que pasa a ser o definido na “Estratexia de detección precoz, vixilancia e control de COVID-19”:
Clasifícase como contacto estreito:
– Calquera persoa que proporcionase coidados a un caso: persoal sanitario ou socio-sanitario que non utilizou as medidas de protección adecuadas, membros familiares ou persoas que teñan outro tipo de contacto físico similar.
– Calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso, a unha distancia menor de 2 metros (ex. conviventes, visitas) e durante máis de 15 minutos.
– Considérase contacto estreito nun avión, tren ou outro medio de transporte de longo percorrido (e sempre que sexa posible o acceso á identificación dos viaxeiros) a calquera persoa situada nun radio de dous asentos ao redor dun caso e á tripulación ou persoal equivalente que tivese contacto co devandito caso (anexo 3).
Neste apartado do novo documento tamén se engade que en caso de contacto estreito: “deberá poñerse en contacto co servizo sanitario do servizo de prevención de riscos laborais”.
Medidas en caso de contaxio ou sospeita
Engádese ao documento anterior que: “As Comunidades e as Cidades Autónomas establecerán os procedementos e circuítos a seguir en cada caso”.
Ademais dos cambios, algunhas das medidas de prevención para actividades mineiras de interese son:
- A entrada ao traballo de forma graduada.
- O establecemento de zonas de entrada e saída ao centro de traballo.
- O mantemento de portas abertas no acceso a zonas comúns, así como o mantemento da distancia de seguridade nestes espazos (comedores, aseos, vestiarios, etc.) e a organización de quendas de comida.
- A organización das reunións por videoconferencia e a garantía da distancia de seguridade entre os asistentes no caso de que non sexa posible.
- A priorización do teletraballo sempre que sexa factible.
- A instalación de aseos específicos para os provedores/transportistas e/ou outro persoal externo, cando sexa factible.
- O establecemento dun lugar específico, separado e sinalizado para a recepción de calquera material.
- Asegurarase un aprovisionamento suficiente do material de limpeza para poder acometer as tarefas de hixienización reforzada a diario.
- A elaboración de un plan de continxencia ante o aumento das baixas laborais do persoal ou un incremento do risco de transmisión no lugar de traballo. Para iso, contarase coa participación dos traballadores ou os seus representantes legais.
Podes descargar aquí a guía completa.