igape-digitalizacion-industria-web-mineria

A Xunta de Galicia convoca axudas para a dixitalización das empresas

A Xunta de Galicia activou o 8 de xullo a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) unha nova orde de axudas para a dixitalización das empresas cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

O obxectivo destas axudas é a posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre empresas vinculadas pola súa actividade.

Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas que sexan sociedades con responsabilidade xurídica propia ou autónomos que teñan un centro de traballo en Galicia, podendo optar a dúas modalidades de proxecto:

  • Proxectos colectivos. Nos que un grupo de empresas (polo menos dúas pemes e opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda implementar un sistema nas súas interaccións dixitais ou ben, propón a implantación dun sistema de dixitalización ou proceso de xestión especificamente deseñado para o seu ámbito de actividade.
  • Proxectos individuais. Nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxectos: desenvolvemento ou implantación dunha interface para as súas interaccións de negocio, implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou xestión integral (ERP, CRM, ou similares), ou sistemas de intelixencia artificial.

Trátase de subvencións a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva, tendo os proxectos colectivos preferencia sobre os de modalidade individual. En todos os casos, os proxectos deberán ser economicamente viables para as empresas solicitantes e deberán estar finalizados para poder optar á cobranza da subvención.

A contía das axudas será do 30 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 20 % para as medianas. Mentres que a subvención será do 50 % dos gastos de colaboracións externas subvencionables para ambas as categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos, de existir, terán a consideración de colaboracións externas.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o próximo 7 de agosto, mentres que o de execución dos proxectos de dixitalización non poderá superar o 15 de novembro de 2021.

  • Consulta a ligazón á páxina do IGAPE
  • Consulta a ligazón ao DOG