11 Mar Nace a Cátedra Epifanio Campo para fomentar a investigación ambiental na industria
A Universidade da Coruña avanzará na súa estratexia de economía circular e contribución ao desenvolvemento empresarial da súa contorna cun novo fito: a Cátedra Epifanio Campo, que xorde grazas a a firma do convenio de colaboración entre a UDC e o grupo Rodonita.
A cátedra estará adscrita á Escola Politécnica Superior, no campus ferrolán de Esteiro, e orientada ao ámbito do medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade. Esta recolle o legado de Epifanio Campo Fernández, pioneiro no ámbito da economía circular e que desde que aos 22 anos se fixo cargo do conglomerado de empresas dedicadas á extracción de arxila que posuía a súa familia e que anos máis tarde levaría a cabo a constitución de Cerámica Campo, firma de referencia no sector dos materiais de construción e xerme dun grupo diversificado, entre outros campos, na xestión de residuos.
Precisamente nesa materia é na que queren profundar as dúas entidades, que se puxeron como obxectivo cooperar man a man en proxectos de desenvolvemento e investigación que acheguen valor engadido ao tecido social e industrial galego nas áreas de xestión ambiental e tratamento de residuos.
O evento de presentación da cátedra que estaba previsto para este 12 de marzo tivo que ser posposto ante a situación xerada pola alerta sanitaria do coronavirus.