30 Xul A Xunta colaborará co concello de Valga para a posta en valor do teleférico da mina ‘Mercedes’
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na presentación do proxecto para a posta en valor do teleférico da mina ‘Mercedes’ co obxectivo de destacar o patrimonio mineiro e industrial desta zona, sempre respectando a paisaxe natural sobre a que se constitúe a mina.
Conde, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que esta iniciativa responde a tres motivos: medioambiental, cultural e industrial, tres piares sobre os que forxar unha economía sostible.
A Xunta, a través dun convenio de colaboración, achegará 30.000 euros para esta iniciativa que inclúe, ademais da recuperación do teleférico, a reactivación das liñas de vagonetas mineiras e a construción de dúas terminais de acceso en ambos extremos do circuíto, nas áreas de carga e descarga. Trátase de mostrar a importancia do patrimonio mineiro na configuración pasada e actual da paisaxe; identificar os valores desta construción; e conxugar esta conservación patrimonial co desenvolvemento sostible do municipio. Así, porase en valor o transporte que se facía na antiga mina de arxila, que era ecolóxico e sostible e que permitía facer os labores mineiros, tal e como explicou Conde.
Neste senso, o conselleiro sinalou que a Xunta está comprometida coa minaría sustentable porque contribúe á defensa do medio ambiente, promove o desenvolvemento do medio rural, supón un aproveitamento eficaz dos recursos e forma parte dun sector estratéxico da economía galega. Así, destacou que para preservar este tipo de espazos cómpre traballar de xeito conxunto para garantir o respecto ao entorno. “A minaría pode xerar valor despois da súa explotación e da súa produción e forma parte do patrimonio galego”, engadiu.
A actuación contribuirá, ademais, á creación de emprego, xa que o obxectivo é ampliar a oferta turística e de lecer de Valga baseada na revitalización da herdanza mineira. Conde incidiu en que a iniciativa garantirá tanto o cumprimento íntegro da revitalización como a ampliación do patrimonio cultural de Valga e o respecto á paisaxe natural sobre a que se constitúe a mina.