mineria-sostenible-ayudas-xunta

Aberta a convocatoria de axudas para entidades sen ánimo de lucro que promovan a minaría sostible

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá un millón de euros en axudas para favorecer a sustentabilidade no sector mineiro.

O programa de axudas, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 2 de xullo, está dirixido a financiar accións que promovan prácticas sostibles e sexan levadas a cabo por institucións sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que estean relacionadas coa minaría.

Entre os beneficiarios inclúense as universidades con ensinos universitarios e/ou de apoio á investigación en ámbitos relacionados coa minería e os colexios profesionais dos enxeñeiros de minas, enxeñeiros técnicos de minas e xeólogos, entre outros.

As axudas abarcarán ata un 80% do investimento total de ata un máximo de 100.000 euros por proxecto ou actuación. Estas accións deberán ir encamiñadas a mellorar o sector mineiro desde a perspectiva ambiental, laboral ou tecnolóxica; e que a grandes liñas contribúan a:

• Mellorar as prácticas preventivas en materia de riscos laborais, propoñendo solucións específicas e aplicables ao sector.
• Mellorar as prácticas ambientais do sector mineiro.
• Fomentar a investigación e a innovación en sistemas de explotación e de tratamentos mineiros innovadores que minimicen os impactos ambientais e territoriais.
• Transferir coñecemento, entendendo como tal o proceso polo cal os resultados da investigación e da innovación, así como da tecnoloxía, son transferidos aos actores económicos ou institucionais do sector da minaría co fin de xerar valor e desenvolvemento económico sostible.
• Promover un aproveitamento máis racional e eficiente dos recursos que permitan un desenvolvemento económico sustentable e integrador social e territorialmente.
• Divulgar o sector mineiro galego, fomentando o coñecemento da actividade mineira por parte da sociedade.
• Investigar e divulgar a historia da minaría de Galicia.
• Recuperar e poñer en valor o patrimonio mineiro galego.

Máis información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190702/AnuncioG0424-210619-0007_gl.html

Solicitudes: https://sede.xunta.gal