01 Xul La Voz de Galicia publica as “Rutas geomineras de Galicia” e o libro “Patrimonio minero de Galicia”
Durante o mes de xuño saíron á luz varias publicacións especializadas que dan a coñecer e poñen en valor o patrimonio mineiro e xeolóxico de Galicia ante o público xeral.
O pasado 16 de xuño, La Voz de Galicia publicou “Rutas Geomineras de Galicia”, catro despregables (un por cada provincia galega) con tres roteiros de sendeirismo que percorren puntos que reflicten o pasado mineiro de Galicia, así como as súas peculiaridades xeolóxicas. Os xeólogos José Francisco Canosa e Eduardo González Clavijo foron os encargados de idear estes roteiros, unha iniciativa da COMG a través da plataforma Minaría Sostible de Galicia. Mentres que o libro “Patrimonio minero de Galicia” foi publicado tamén por La Voz de Galicia xunto coa súa edición deste domingo 29 de xuño.
Este proxecto é un dos primeiros froitos do convenio de colaboración asinado polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España e a Cámara Oficial Mineira de Galicia a principios de 2018 e materializado na Unidade de recursos minerais de Galicia, composta por investigadores e técnicos pertencentes a ambas as entidades e que persegue varias metas relacionadas coa investigación e a divulgación.
O libro recolle 30 puntos de gran interese xeolóxico e mineiro repartidos ao longo de todo o territorio galego, entre os que se atopan antigas explotacións, museos xeomineiros e roteiros que percorren as instalacións en desuso de catro poboacións mineiras.