O CICLO MINEIRO

A execución das actividades extractivas en Galicia está encomendada a iniciativas privadas a través de concesións, e sempre baixo a estrita supervisión e control da Administración.

A actividade mineira, ao influír de maneira directa sobre a contorna na que se desenvolve (tanto a nivel ambiental como social), ha de estar ligada a uns procesos estritos que aseguren a calidade das actuacións:

1. Fase de Investigación

O punto de partida dun proxecto mineiro sempre é a recompilación de información e a ampliación do coñecemento xeolóxico da zona a investigar, co obxectivo de identificar e avaliar o recurso xeolóxico. Así mesmo, durante esta fase tamén se toman mostras do solo e vexetais para poder levar a cabo as tarefas de recuperación. Ademais analízase a viabilidade técnica e económica do aproveitamento do material.

2. Fase de Aproveitamento

O concepto de aproveitamento engloba o conxunto de actividades destinadas á explotación, preparación, concentración e obtención de beneficio dun recurso mineral.

Na actualidade, os recursos minerais explotados destínanse a actividades básicas como:

  • A construción.
  • A industria automobilística.
  • O sector aeronáutico.
  • O sector naval.
  • A electrónica e a informática.
  • A elaboración de vidro e cerámica.
  • A industria farmacéutica.
  • A agricultura e a gandaría.

3. Fase de restauración

A fase de restauración é a rehabilitación do espazo natural afectado tanto polas actividades extractivas como polas instalacións asociadas a estas, incluídos os residuos mineiros. Esta fase ten lugar unha vez que finaliza a actividade mineira, aínda que cada vez máis a miúdo, sempre que sexa posible, realízase a medida que se vai avanzando na explotación. A restauración ten a aspiración constante de dar ao terreo un valor de uso igual ou superior ao que tiña antes de iniciarse a actividade extractiva. Os titulares das concesións ou as autorizacións de explotacións de recursos mineiros teñen a obrigación de asegurar a execución da restauración do espazo natural afectado mediante o establecemento ante a Administración de garantías financeiras antes de comezar os labores de aproveitamento.