A COMG convida aos novos titulados en minas a unir forzas en prol da minería galega

  • O presidente da entidade cameral interveu no acto de gradación desenvolto a pasada semana en Vigo
12/07/2014

O presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan de Deus Martín Aparicio, interveu o pasado 11 de xullo no acto de gradación da ETS de Enxeñeiros de Minas da Universidade de Vigo. No seu discurso, Martín Aparicio convidou os novos titulados a unir forzas para “poñer a minería galega no seu sitio”, para o que é preciso dispoñer de “enxeñeiros que profesionalicen o sector, dunha Administración áxil, comprometida e valente e de medios para trasladarlle á sociedade a realidade mineira”. O presidente manifestou a capacidade da Cámara para “liderar esta misión, coa colaboración de todos os axentes implicados”.

Juan de Deus aproveitou tamén para destacar a relevancia da minería galega, facendo un repaso polos datos que a fan líder nacional e mundial. Neste sentido, resaltou que o sector mineiro representa o 1,18% do Produto Interior Bruto de Galicia, onde existen “máis de 330 explotacións activas que xeran máis de 7.000 postos de traballo e suman unha produción anual superior aos 19 millóns de toneladas de produtos tan dispares como os áridos, as rocas ornamentais ou o cuarzo”, entre outros.

COMPATIBILIZACION COA REDE NATURA
O presidente sinalou tamén o principal problema ao que se enfronta o sector, sinalando un descoñecemento social e mala imaxe baseada na destrución de no medio, que non se corresponde coa realidade e é froito da “desinformación e politización”. Así, referiuse á aposta da Comisión Europea pola compatibilización da minería e a Rede Natura, tal e como se recolle no documento de orientación “Extracción mineral non enerxética e Natura 2000”. Ademais, fixo fincapé nos numerosos exemplos que hai en Galicia de explotacións mineiras que mesmo melloraron o espazo no que se desenvolveu a actividade, como ocorreu nas Pontes de García Rodríguez, Begonte ou Mesía.
Finalmente, Juan de Deus Martín Aparicio convidou os novos titulados a achegarse á Cámara Oficial Mineira de Galicia que “ten abertas todas as portas para vostedes”, ademais de trasladarlles as funcións que desenvolve o ente cameral.
O acto de gradación desenvolveuse en Vigo e contou tamén coa asistencia dos decanos do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas del Noroeste, Juan José Fernández, e do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia, Atanasio José Pena, ademais da vicerreitora de Investigación e Transferencia, Asunción Longo, o director da ETS de Enxeñeiros de Minas, José Benito Vázquez, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero. Alí recolleron os seus diplomas as primeiras promocións do grao de Recursos Mineiros e Enerxéticos e de Enxeñería da Enerxía. Así mesmo despediuse a XVII promoción da extinta titulación e a V do máster en Tecnoloxía ambiental.