Aberto o prazo para participar na IX edición dos Premios Santa Bárbara

  •  Promovidos pola Cámara Oficial Mineira de Galicia co obxectivo de recoñecer o labor dos medios de comunicación en favor do coñecemento da minería, así como dos profesionais e entidades da comunidade mineira galega
  • Os galardóns entregaranse o 3 de decembro, no marco do xantar co que o sector celebra a festividade da súa patroa

A Cámara Oficial Mineira de Galicia convoca a IX Edición dos Premios Santa Bárbara, que inclúen as modalidades Comunicación e Traxectoria. Trátase de distincións honoríficas dirixidas a recoñecer o labor dos medios de comunicación en favor do achegamento do sector á sociedade, e a contribución dos integrantes da comunidade mineira de Galicia ao desenvolvemento do sector. A súa entrega está prevista para o xoves 3 de decembro no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago, no marco do xantar que celebra anualmente a Cámara Mineira con motivo da festividade de Santa Bárbara, patroa dos mineiros.

O premio Traxectoria está dirixido aos profesionais, empresas, entidades ou organismos vinculados ao sector mineiro galego e ten como obxectivo o recoñecemento a unha carreira meritoria. Pola súa banda, o galardón Comunicación busca premiar o labor de difusión da realidade mineira para un mellor coñecemento do sector e da súa promoción. Neste caso poden presentarse os profesionais que, sen estar directamente relacionados co sector mineiro, favorezan o achegamento da sociedade á realidade da minería galega coa publicación de informacións ou artigos nalgún soporte de comunicación.

Os premios consistirán nunha figura de Santa Bárbara elaborada por Sargadelos e nun diploma honorífico. Na pasada edición, o galardón Traxectoria foi para o canteiro vigués José González Araújo, polo seu extenso labor á fronte de empresas e asociacións de empresarios do sector granitero, e o premio Comunicación para a Escola Técnica Superior de Enxeñería de Minas da Universidade de Vigo, polo labor divulgativo desenvolto durante anos con motivo da Semana da Ciencia.

PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS

As persoas interesadas en presentar candidaturas a estes premios poden obter o formulario a través da web www.camaraminera.org ou na sede da entidade cameral, situada na rúa Juan Flórez da Coruña. Xunto co formulario poden remitirse todos os documentos que se consideren oportunos para xustificar a proposta. As solicitudes poden presentarse ata o día 25 de novembro, incluído, enviándoas por correo postal á sede da Cámara Mineira (Juan Flórez 33-35, entresollado esquerdo 15004 A Coruña), por fax ao número 981 139 664 ou por correo electrónico á dirección cmg@camaraminera.org.

A celebración que acollerá a entrega dos Premios Santa Bárbara 2015 reunirá, como vén sendo habitual, numerosos empresarios do sector mineiro galego e representantes da Administración. Os actos programados inclúen a tradicional Ofrenda a Santa Bárbara na Catedral de Santiago, na misa do peregrino, a cargo do presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan de Deus Martín Aparicio. A continuación, terá lugar o xantar no Hotel Monumento San Francisco, que finalizará coa entrega dos galardóns.