Comezamos este 2016 cun novo número do boletín dixital no que damos conta de boa parte do traballo desenvolto no último mes pola Cámara Oficial Mineira de Galicia en defensa dos intereses da minería galega e de todos os que formamos parte dela.
Xa hai case un ano que comezamos con esta nova canle de difusión mensual, no marco do obxectivo de reforzar a nosa comunicación interna e abrir novas xanelas en favor dun mellor coñecemento da entidade.
E precisamente, con motivo do noso 90 aniversario, quero aproveitar a posibilidade que me brinda o boletín para reivindicar o labor desenvolto ao longo de todos estes anos pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, entidade que teño a honra de presidir desde o pasado 2013.
Moito cambiaron as cousas desde aquel 10 de setembro de 1925 no que, no número 27 da rúa Rego de Auga da Coruña, constituíase a Cámara Oficial Mineira de Galicia. Noventa anos nos que a realidade galega cambiou moito e nos que a minería sempre estivo presente no devir económico e social da nosa terra, sabendo adaptarse aos tempos e ás demandas de mellora, modernidade e sustentabilidade que a sociedade esixía. E neste avance constante tamén estivo sempre presente, sen perder a súa esencia nin o rumbo e obxectivos que marcaron os seus fundadores, a Cámara Oficial Mineira de Galicia.
Sen dúbida, a Cámara Oficial Mineira de Galicia é unha entidade que pode presumir dunha traxectoria sólida que lle permitiu estar ás portas do seu centenario. E isto é posible grazas a todos os que integraron e integran a entidade, asumindo responsabilidades ou participando no seu sostemento.
Da nosa historia forman parte figuras ilustres que contribuíron a engrandecer o nome de Galicia. Nomes de recoñecido prestixio científico, empresarial e industrial asumiron desde os comezos do século XX a presidencia da entidade, demostrando así a relevancia do labor cameral para conseguir “o engrandecimiento da minería de Galicia”, tal e como sinalaba a Xunta constituínte da nosa Cámara.
Mención especial merece D. Ramón do Cueto e Noval, como primeiro presidente e quen logrou materializar un proxecto de unidade ao redor da minería galega. D. Pedro Barrié da Maza e D. Isidro Parga Pondal puxeron tamén os seus coñecementos e experiencia ao servizo da Cámara Oficial Mineira de Galicia e, a través dela, de todos os que lideraron proxectos mineiros na nosa terra.
Ademais, é de xustiza lembrar aos que foron os meus inmediatos antecesores, Antonio Campo e Francisco Aréchaga, xa que souberon situar a Cámara no século XXI e facer que iniciemos este ano 2016 coa mesma forza e ilusión que todas e cada unha das persoas que escribiron a historia da Cámara Oficial Mineira de Galicia.
Desde aquí grazas a todos eles e grazas a todos vós, que facedes posible que sigamos presentes e traballando polo progreso da minería e a defensa dos intereses de quen creo no sector mineiro como un dos alicerces da nosa cultura, da nosa economía e do noso benestar. Xa para finalizar, convídovos a que vos penetredes cada mes neste novo espazo de comunicación que representa o boletín, e a coñecer así información de máximo interese para a comunidade mineira galega.
|