O MMH 2026 iniciou hoxe a súa sexta edición do encontro internacional da minería, celebrado en Sevilla, reivindicando a actividade mineira como un sector con potencial para contribuír ao desenvolvemento socioeconómico, á soberanía estratéxica europea e á transición cara a enerxías limpas. A xornada inaugural celebrouse no Palacio de Congresos e Exposicións de Sevilla (FIBES) e contou cunha ampla participación institucional.

A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) asistiu ao acto de inauguración nunha edición na que Galicia é a comunidade autónoma convidada. A participación galega conta cun amplo espazo expositivo no Pavillón 1, promovido pola Xunta de Galicia, no que están representadas diversas empresas do sector. Nel pode visitarse unha pequena representación do proxecto de Materioteca desenvolvido pola Cámara en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

No acto de apertura, o comisario do encontro, Fernando Araúz de Robles, subliñou a necesidade de que o respaldo institucional e o impulso empresarial se traduzan en proxectos concretos, mantendo elevados estándares de seguridade e protección ambiental. Na inauguración participaron tamén representantes de distintas administracións, entre eles o presidente da Xunta de Andalucía, Juan Manuel Moreno Bonilla, e o secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, e o segundo tenente de alcalde e delegado municipal do Concello de Sevilla, Álvaro Pimentel, entre outras autoridades.

Dentro do programa profesional, a directora da COMG, Arantxa Prado, interveu coa ponencia “Plataforma de Minería Sostible de Galicia: divulgación, patrimonio e novas ferramentas de comunicación”, celebrada hoxe ás 13:00 horas na sala Itálica-Aminer, na que expuxo o traballo de divulgación da Cámara e, en especial, o desenvolvemento da Plataforma Minería Sostible de Galicia.

Ás 17:00 horas, o Auditorium Atalaya acolleu a mesa redonda “Galicia, territorio estratéxico para unha minería de vangarda”, na que participou a presidenta da COMG, Cecilia Trancón, xunto co director xeral Pablo Fernández Vila. A mesa tamén contou coa presenza do secretario xeral de ASIME, Enrique Mallón, así como co director xeral de Minas da Xunta de Andalucía, Jesús Portillo García-Pintos, no papel de moderador.

Esta presenza permite ser un altofalante para visibilizar o potencial mineral estratéxico de Galicia, a implicación na innovación sostible e o compromiso do sector mineiro galego coa transición ecolóxica.
Toda a información do evento: Mining and Minerals Hall 2026 · Sevilla, 20-22 outubro

