A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), como entidade representativa do sector dos recursos minerais na comunidade, valora a importancia da selección do proxecto para a mina de Touro de Cobre San Rafael por parte da Comisión Europea como Proxecto Estratéxico no marco do Regulamento Europeo de Materias Primas Críticas (CRMA). Así mesmo, a COMG lembra que este respaldo europeo se suma ao anuncio realizado en marzo de 2025, cando a Comisión Europea seleccionou Mina Doade como proxecto estratéxico no marco do CRMA.
Desde a COMG explican que a designación se produce tras un proceso competitivo no que a Comisión Europea escolleu 46 proxectos en 16 Estados membros, entre un total de 102 solicitudes, sendo dous en España nesta fase. “Este anuncio supón un respaldo relevante á capacidade de Galicia para contribuír aos obxectivos europeos de soberanía industrial e seguridade de subministración de materias primas críticas”, explican.
O proxecto, orientado á reactivación da explotación mineira de Touro-O Pino, convértese ademais no único proxecto galego que reúne simultaneamente a condición de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) outorgada pola Xunta de Galicia e a de Proxecto Estratéxico da Unión Europea. “Ambos recoñecementos reforzan o posicionamento de Galicia dentro da estratexia europea de materias primas e supoñen un recoñecemento á riqueza xeolóxica da comunidade”.
Por último, a COMG lembra que o cobre está clasificado pola UE como materia prima estratéxica e crítica, imprescindible para o despregue de tecnoloxías limpas e con relevancia para sectores industriais de alta prioridade como a defensa e o aeroespacial. Neste sentido, este recoñecemento europeo contribúe a “impulsar unha cadea de subministración máis segura e competitiva dentro da Unión Europea, ao tempo que consolida o papel de Galicia na transición enerxética e industrial”.

