A presidenta da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Cecilia Trancón, e a directora da entidade, Arantxa Prado, asistiron ao V Foro Económico Español en Galicia “A Galicia que vén”, organizado por EL ESPAÑOL e Invertia xunto con Quincemil e Treintayseis, na Coruña.

O encontro reúne representantes institucionais e profesionais de grandes e medianas compañías vinculadas ao futuro de Galicia, nun ciclo de sesións centrado na análise de desafíos como a economía, a tecnoloxía, a industria, a enerxía, os recursos naturais, a vivenda ou o turismo, entre outros ámbitos estratéxicos.

A primeira xornada do foro arrancou co saúdo e a benvida a cargo de Pedro J. Ramírez, presidente executivo e director de EL ESPAÑOL, quen sinalou a importancia de “aproveitar a riqueza mineira de Galicia e non perder a oportunidade que representan os recursos do territorio para o desenvolvemento económico e industrial da Comunidade”.

A continuación, tiveron lugar as intervencións institucionais de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia; e Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia.

No marco do programa, tamén interveu a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, nunha conversa centrada nos novos proxectos económicos e industriais para a Comunidade.

O programa do evento continúa hoxe, mércores 17 de xuño, cunha programación dedicada especialmente a contidos vinculados á industria, a enerxía, a economía circular e o aproveitamento dos recursos, coa participación, entre outros, de Cobre San Rafael, membro da COMG, nunha das sesións previstas.

A COMG valora estes espazos de análise e diálogo como unha oportunidade para seguir de preto os debates estratéxicos que marcarán a axenda de futuro de Galicia.

Imaxe: Sara Fernández.