A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) organiza o sábado 27 de xuño unha ruta guiada polas areneiras da Limia (Ourense), con saída e chegada en Sandiás. A actividade permitirá coñecer a formación da singular chaira sedimentaria da Limia, así como a historia da desecación da Lagoa de Antela, un dos fitos que marcaron a evolución do territorio e da súa paisaxe.
Durante o percorrido, as persoas participantes poderán visitar unha zona de extracción de area con draga e noria e coñecer como a actividade mineira deu lugar, co paso do tempo, á transformación de antigos ocos mineiros en espazos de elevada biodiversidade, hoxe integrados na paisaxe característica da comarca.
A quedada está prevista ás 09:45 h e a finalización ás 13:30 h. O itinerario é circular, de dificultade baixa, e trátase dunha actividade gratuíta e aberta ao público. A ruta, creada para a web de Patrimonio Mineiro, ten unha lonxitude de 8,3 km, se ben ese día se realizarán algúns tramos en autobús para dispoñer de máis tempo para as explicacións.
A inscrición é obrigatoria xa que as prazas son limitadas e debe realizarse a través da seguinte ligazón. A participación confirmarase por correo electrónico e, no caso de completarse o aforo, as solicitudes pasarán por orde de chegada á lista de reserva.
Esta actividade desenvólvese no marco da plataforma Minería Sostible de Galicia, a través do seu programa de Patrimonio Mineiro (MInaTUR), en colaboración coa Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

