A Asociación Española de Minería Metálica (Aminer) anunciou, nun evento organizado en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia, que Galicia será a rexión que participará como comunidade convidada no MMH 2026, o encontro bienal sobre minería que terá lugar en outubro en Sevilla.
Foi durante a xornada “De Galicia a Europa: marco normativo e tramitación administrativa para unha minería estratéxica”, que tivo como obxectivo analizar o marco normativo e a situación administrativa do sector tanto en Andalucía como en Galicia.
A sesión, da que foi anfitrioa a presidenta da Cámara Mineira, Cecilia Trancón, contou coa participación do director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, e do director xeral de Minas na Consellería de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Andalucía, Jesús Portillo; ademais de xuristas expertos en distintos ámbitos da minería, abranguendo o contexto galego, nacional e europeo, como Julio César Valle, secretario e asesor xurídico da COMG; Antonio García, do departamento legal de Aminer (contexto nacional); e Pablo Egerique, avogado counsel do Departamento de Dereito Administrativo, Urbanismo e Medio Ambiente en GARRIGUES (contexto internacional), moderados por Alberto Novoa, presidente de ARIGAL e da Federación de Áridos española, membro da COMG.
Delgado salientou que Galicia é “unha rexión fundamental para a minería española, ao contar cun gran potencial de minerais críticos, que hai 20 anos apenas tiñan relevancia industrial e que hoxe son considerados estratéxicos para a descarbonización e a transición dixital”. Cunha creación de emprego que rolda os 3.500 postos de traballo directos, “Galicia representa o 12% do emprego mineiro de toda España e contribúe de forma eficiente a asentar poboación xerando riqueza en zonas rurais e comarcas do interior con tendencia á despoboación, con proxectos que poden transformar comarcas enteiras do interior como o mencionado de Cobre San Rafael en Touro, e o de litio en Doade-Beariz”.
Por todo isto, Galicia foi proposta como comunidade convidada á sexta edición do Mining and Minerals Hall (MMH 2026), o encontro sectorial de referencia en Europa organizado por Aminer, que se celebrará en outubro co lema “A minería: piar estratéxico para o futuro de Europa”. O MMH 2026, que contará cunha zona expositiva de máis de 7.000 metros cadrados e con máis de 300 empresas e entidades participantes, será unha ocasión para que a minería metálica de Galicia e as súas empresas auxiliares poidan xerar oportunidades de negocio e colaboración con outros territorios, como lembrou o seu comisario, Fernando Araúz de Robles.
Ademais, Aminer anunciou que este ano se incorporará como socio da Cámara Oficial Mineira de Galicia, para contribuír a xerar sinerxías que fortalezcan o sector no seu obxectivo común de desenvolver unha minería rigorosa, rendible e responsable. Así mesmo, coincidindo co seu 15º aniversario, a entidade ampliou o seu ámbito de actuación para representar a totalidade da minería metálica nacional, acadando este ano as 90 empresas asociadas, a última delas Cobre San Rafael, que opera en Galicia desenvolvendo o proxecto da mina de Touro.

