A Cámara Mineira de Galicia (COMG) participou entre os días 3 e 5 de febreiro na reunión internacional de socios do proxecto europeo Interreg Europe Picobello. O encontro celebrouse na rexión de Silesia (Polonia), territorio recoñecido como o corazón histórico da minería do carbón do país, con extraccións documentadas desde o século XVI que marcaron a súa identidade e o seu desenvolvemento económico.
Nesta ocasión, a COMG asistiu a este encontro de traballo co resto de rexións socias, acompañando á Axencia Galega de Innovación (GAIN) para intercambiar experiencias baixo o lema “NEB (Nova Bauhaus Europea) in action: Exchanging good practices and inspiring collaboration”.
No marco da reunión, a responsable da Oficina Técnica da COMG, Irene Pérez, participou coa relatorio titulado “Continuing the Path of Sustainable Mining: Galician Good Practices under the NEB Vision”, no que se presentaron as iniciativas impulsadas pola Cámara Mineira de Galicia en materia de sostibilidade e valorización do patrimonio mineiro, así como casos de boas prácticas desenvolvidas por empresas mineiras galegas.

Entre os exemplos abordados figuran actuacións de restauración e rehabilitación ambiental, recuperación de solos, incorporación de enerxías limpas, proxectos de investigación en recursos minerais e experiencias vencelladas á economía circular, amosando como o sector avanza cara a modelos produtivos cada vez máis eficientes e responsables.
A xornada serviu así para compartir prácticas e experiencias relacionadas coa minería entre as rexións de Galicia e Silesia, reforzando o intercambio e promovendo a colaboración entre axentes de ámbitos complementarios como a ciencia e a tecnoloxía, pero tamén a arte, a cultura, a arquitectura e o deseño, en liña co enfoque integrador da NEB.
Neste sentido, a COMG procurou trasladar que a minería en Galicia se volveu esencial para a transición verde e dixital, evolucionando no marco da Axenda de Minaría Sostible 2030 e dos principios da Nova Bauhaus Europea. A través da minaría sostible, a rehabilitación ambiental, a economía circular e a creación de novos usos sociais en antigas explotacións, o sector demostra que é posible transformar as áreas mineiras en activos resilientes, inclusivos e atractivos, con impacto positivo nas comunidades locais.

O proxecto Picobello (Interreg Europe) ten como obxectivo mellorar os instrumentos de política de desenvolvemento rexional nas rexións participantes mediante un proceso de intercambio de coñecemento cocreativo, analizando como as rexións europeas están a incorporar os valores da Nova Bauhaus Europea (NEB) nas súas estratexias de desenvolvemento.
Participación previa da COMG en Picobello
Esta reunión internacional en Polonia dá continuidade ao traballo desenvolvido pola Cámara no marco deste proxecto, tras a súa participación en encontros previos xa celebrados en Galicia, como o celebrado en Ferrol en 2024 e a participación en 2025 da Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE), na segunda xornada de stakeholders celebrada no marco do proxecto tanto en Oleiros (A Coruña) como en Silleda, na que presentou casos de éxito da minaría sostible galega.

