1 de setembro, a exposición ‘Tesouros da terra: a minería galega a través do tempo’ da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) chega a Vigo como parte dos actos conmemorativos do seu Centenario. A mostra, que se inaugurará o 3 de setembro con representantes da Camara Mineira e do Concello de Vigo, percorre 2.500 anos de historia mineira en Galicia a través de oito paneis divulgativos. Estará dispoñible para a súa visita na Rúa do Príncipe ata o 15 de setembro.



A actividade mineira: testemuña da evolución de Galicia 

A exposición ‘Tesouros da terra’ reflicte a historia da minería en Galicia desde os antigos fenicios, pasando pola época romana, ata a actualidade, trasladando o seu importante papel na transformación da economía e a cultura da rexión. A través de oito tótems divulgativos, a mostra explora as distintas etapas da actividade mineira na comunidade, que comezou coa minería aurífera nos séculos I e II, cando Galicia, antes Gallaecia, recibiu o seu nome por mor das súas abundantes minas de ouro. 



A mostra tamén lembra algúns dos principais referentes do patrimonio mineiro de Galicia, como a mina de lignito das Pontes, un dos maiores exemplos de restauración mineira en Europa. Do mesmo xeito, a exposición destaca a relevancia dos diferentes subsectores da minería, como os áridos, o segundo recurso máis consumido do mundo; o granito, unha roca na que Galicia é lider na súa producción; a pizarra, motor da economía en nas comarcas de Valdeorras e outras zonas de Ourense, Lugo e A Coruña; ou as augas mineromedicinais, un dos recursos minerais mellor valorados polas súas propiedades terapéuticas; entre outros. 



Galicia é líder na produción de granito en Europa. Este liderado está vinculado coa provincia de Pontevedra, e especialmente a comarca do Porriño, referente na extracción e transformación do granito, situándose como un dos motores económicos máis relevantes da nosa rexión. Galicia representa o 34,2% da produción nacional en euros e o 79% das exportacións. Ademais, a industria galega é a segunda máis importante en Europa, e sitúase como a 4ª no mundo.  A riqueza dos nosos recursos minerais, a consolidación de empresas líderes do sector e a aposta continua pola innovación e a sustentabilidade fixeron posible que a pedra natural galega cruce fronteiras e sexa recoñecida nos mercados internacionais.  

Por outra banda, a cidade de Vigo desempeña un papel estratéxico como centro loxístico, industrial e de coñecemento para o sector mineiro. O porto de Vigo facilita a exportación de materiais a todo o mundo e acolle empresas de servizos, enxeñaría e maquinaria vinculadas á minería. Ademais, a presenza da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo reforza a formación de excelencia e a investigación aplicada, xerando talento e promovendo a modernización do sector.