As prazas para participar na actividade esgotáronse. Se desexas inscribirte na lista de reserva, podes facelo a través do correo electrónico oficina.tecnica@demostracionweb.com
O sábado 8 de xuño, a Cámara Oficial Mineira de Galicia organiza unha visita guiada gratuíta aos cargadoiros de mineral de Rande e do Coto Wagner, na Ría de Vigo. Esta actividade desenvólvese no marco da plataforma Minaría Sostible de Galicia, a través do seu programa MInaTUR, en colaboración coa Xunta de Galicia.
Esta iniciativa pon a disposición de todos os participantes unha oportunidade única para coñecer as históricas instalacións, da man do xeólogo Eduardo Gómez Clavijo, a través dun roteiro en barco de 17 km de ida e volta pola Ría de Vigo, dende o Náutico de Vigo ata a zona da ponte de Rande. Estas instalacións constitúen unha significativa referencia da arquitectura portuaria do século XX e do seu uso en relación coa minaría, o comercio e a exportación de minerais de Galicia e de Castela e León.
Para garantir a calidade da visita, esta realizarase en barco, xa que os cargadoiros están rodeados de vexetación e a súa observación desde a terra resulta practicamente imposible. A ruta tamén inclúe o desembarco e a visita ao Museo Meirande, o centro de interpretación da Batalla e do Patrimonio Cultural de Rande.
A actividade comezará ás 09:45 h. no Náutico de Vigo. A duración aproximada da visita é de 4 horas. A inscrición é gratuíta e obrigatoria, xa que as prazas son limitadas. Podes apuntarte a través da seguinte ligazón.
Para solicitar máis información, podes contactar coa Oficina Técnica da COMG a través do seguinte correo: oficina.tecnica@demostracionweb.com.