Presentacion geolodia

Continúa aberta a inscrición para participar na excursión xeolóxica gratuita ás Minas da Silvarosa organizada pola COMG

O próximo sábado 11 de maio, a Cámara Oficial Mineira de Galicia, co apoio do Concello de Viveiro e da Comunidade de Montes de Vieiro, organiza unha visita guiada ás antigas instalacións das Minas da Silvarosa, que se celebrará baixo o nome “Do ferro Ordovícico ás Minas da Silvarosa: o patrimonio xeomineiro de Viveiro” e terá lugar no marco do ‘Xeolodía’, o gran evento anual de divulgación xeolóxica impulsado pola Sociedade Xeolóxica de España (SGE).

Debido ao éxito no número de inscricións, esgotáronse as prazas para participar na primeira quenda da andaina. Porén, aínda quedan prazas dispoñibles para participar na quenda de tarde da actividade, que terá lugar ás 16:00h. A duración aproximada da excursión serán 4 horas, nas que se explicará e porá en valor a orixe do mineral e a historia das minas de ferro. A inscripción á actividade pode realizarse a través da seguinte ligazón ou chamando ao teléfono 635 559 698 (en horario de oficina).

O impulso de iniciativas que poñan en valor o patrimonio mineiro de Galicia é fundamental para que a sociedade teña a oportunidade de coñecelo. Como explicou Irene Pérez, técnico da COMG e responsable da actividade, nunha entrevista [parte 2 a partir do minuto 45:50] no programa Voces de Lugo de Radio Voz, “as Minas da Silvarosa foron as minas de ferro máis importantes que houbo a principios do século XX en Galicia, e incluso en España. Se non coidamos e ensinamos o entorno desas zonas, olvidámonos del, e foi o oficio de moitas persoas que traballaron na mina anos atrás e deron riqueza a zona da Mariña Lucense”.

Neste sentido, Pérez destacou a gran oportunidade que supón participar neste tipo de excursións de divulgación xeolóxica para “poñer en valor e coñecer o noso entorno, desde as rochas que pisamos e a evolución que tiveron, ata a aplicación que lles damos hoxe en día ou fai un século, como é o caso da Silvarosa”.

Por este motivo, a andaina que se celebrará o próximo 11 de maio está aberta a todos os públicos. Durante o percorrido, visitaranse zonas exteriores das Minas da Silvarosa. Ademais, os participantes poderán recorrer unha galería de 15 metros, aproximadamente, con todas as garantías de seguridade e iluminación. Cada unha das quendas da actividade estará supervisada por dous xeólogos responsables e colaboradores do Concello de Viveiro e da Comunidade de Montes de Vieiro.

Para solicitar máis información, os interesados poden escribir a oficina.tecnica@camaraminera.org e a comunicacion@sociedadgeologica.org.