30 Abr A COMG subscribe o comunicado de CCOO e UGT no que reclaman un pacto pola industria e a minaría en Galicia
O 19 de abril, os sindicatos CCOO Industria Galicia e UGT Fica publicaron un comunicado no que solicitan á Xunta de Galicia “que convoque aos interlocutores sociais, económicos e académicos para redactar e asinar un Pacto Galego pola Industria, para unha industrialización de Galicia xeradora de postos de traballo de calidade e en cantidade e compatible co medio ambiente”.
No comunicado, os sindicatos destacan o potencial de Galicia na extracción de minerais estratéxicos, que a capacitan para liderar a produción industrial: “No marco da economía circular, da transición enerxética e industrial, e ao amparo do ánimo derivado do proceso iniciado polas institucións europeas na procura da reindustrialización de Europa, debemos ser conscientes de que Galicia ten os recursos para converternos nunha potencia da produción de enerxía renovable, o almacenamento de enerxía, a extracción de minerais estratéxicos e a produción industrial de bens”.
Ademais, desde CCOO Industria Galicia e UGT Fica engaden que en Galicia “contamos cun capital humano formado, con recursos naturais e infraestruturas aproveitables” e coas “condicións para desenvolver unha sólida base industrial, sostible e moderna, que poida impulsar á sociedade cara a un elevado nivel de benestar e desenvolvemento, á vez que protexemos a nosa contorna e combatemos o cambio climático, a perda de biodiversidade e outros problemas ambientais que nos ameazan”.
Neste punto, indican que “o desenvolvemento industrial de Galicia precisa dun gran acordo entre os axentes políticos, económicos e sociais, ao que as organizacións sindicais de clase debemos contribuír. Galicia ten capacidade para converterse nunha rexión industrial avanzada, competitiva e descarbonizada, capaz de reter e atraer talento e frear o proceso de despoboamento de amplas zonas do noso rural”.
En referencia á paralización de proxectos industriais, apuntan que “debemos traballar para evitar a perda do actual emprego industrial e para conseguir, como mínimo, a creación dos 18.000 empregos industriais directos asociados aos proxectos actualmente en desenvolvemento en Galicia”.
Como peche do comunicado, expresan que “os recursos naturais do país deben reverter no desenvolvemento económico e da calidade de vida de galegas e galegos, con respecto ao noso medio natural, ao noso patrimonio cultural e tradicións. Os responsables dos proxectos industriais deben reparar calquera dano causado ao medio ambiente ou ás comunidades locais cando alcanzan o fin do seu ciclo de vida e han de colaborar activamente na procura de proxectos que poidan actuar como substitutos. Tamén han de contribuír activamente no desenvolvemento das comunidades onde se implanten”.
Desde a Cámara Oficial Mineira de Galicia secundamos este comunicado e recoñecemos a necesidade dun pacto industrial galego, que fomente o diálogo entre os diversos axentes implicados e impulse o desenvolvemento de proxectos mineiros, enerxéticos e industriais en Galicia.