25 Mar A COMG colabora con FEUGA nun proxecto europeo para facilitar a transición verde de PEMES e asociacións intermediarias de sectores enerxéticamente intensivos
A Oficina de Proxectos Europeos (OIPE) da Cámara Oficial Mineira de Galicia coordinouse coa Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) para participar no proxecto europeo SEE BRIDGE, financiado polo programa COSME, con presenza en Turquía, Irlanda, Eslovenia e Italia. Trátase dun proxecto orientado a PEMES e asociacións intermediarias en sectores enerxéticamente intensivos: aluminio, ferro, aceiro, cemento, fertilizantes, hidróxeno, electricidade, etc.
O obxectivo desta iniciativa de colaboración é facilitar a adaptación á regulación CBAM (Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono), para alcanzar os requisitos do Green Deal ou Pacto Verde Europeo. Para logralo, o proxecto desenvolverá distintas accións de apoio para aumentar as súas capacidades, impulsar a xestión sostible e promocionar operacións de transición verde e dixitalización.
A misión da OIPE é avaliar as necesidades no sector en materia de sustentabilidade, CBAM e transición verde e dixital, para poder deseñar as accións de apoio máis adecuadas en cada caso. Como colaborador do proxecto, terá acceso a algúns elementos de apoio, como formación gratuíta ou intercambio de best practices entre entidades afíns, que o proxecto poñerá á disposición da COMG durante os meses de verán de 2024.
As liñas de axudas dispoñibles nos últimos días pódense consultar na newsletter quincenal de Cámara Impulsa. Ademais, toda a información sobre os proxectos executados pola OIPE está dispoñible na páxina web da COMG.