14

A directora da COMG acompañou a estudantes da Escola de Minas de Vigo na súa visita á antiga mina de Meirama

O 23 de febreiro, a directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Arantxa Prado Santiago, acompañou ao alumnado do segundo curso dos graos de Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e Enxeñaría da Enerxía da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (Universidade de Vigo) na súa visita á antiga mina de lignito pardo de Meirama.

Durante a actividade, os estudantes puideron coñecer de primeira man o proxecto de rehabilitación da mina, que culminou coa creación do actual Lago Meirama, unha das maiores actuacións de recuperación ambiental levadas a cabo en España.

Este lago atópase no val das Encrobas, situado no concello coruñés de Cerceda, e está rodeado por unha gran variedade de vexetación.

A antiga mina ao descuberto de Meirama, o segundo xacemento de lignito en Galicia despois do das Pontes (A Coruña), achegou gran riqueza a Cerceda e os seus arredores durante os 27 anos que permaneceu en funcionamento. Tralo seu peche, no ano 2008, a empresa Naturgy, propietaria da mina, comezou o seu proceso de transformación.

Na actualidade, Meirama converteuse nun referente de biodiversidade. Ademais da creación do lago mineiro, unha reserva de auga para o municipio da Coruña e a súa comarca, plantáronse máis de 450.000 árbores, convertendo a zona nun pulmón verde e sumidoiro de CO2, e identificáronse ata 862 especies animais e vexetais, que repoboaron a zona sen mediación humana.