reunion-comg-comite-desarrollo-minero

A COMG participa no Comité de Desenvolvemento Mineiro para axudar a definir a ‘Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia’

O pasado venres Juan José López Muñoz, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, e Arantxa Prado Santiago, directora da entidade, participaron no Comité Executivo de Desenvolvemento Mineiro do Consello Galego de Economía e Competitividade para coñecer de primeira man e comentar o anteproxecto de ‘Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia’.
Á xornada convocada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais tamén acudiron representantes do Inega (Instituto Enerxético de Galicia) e do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica).
O documento atópase neste momento en fase de información pública para recibir achegas que permitan mellorar a futura norma co obxectivo de contar cunha lei froito do consenso.
As iniciativas mineiras son unha das tipoloxías de proxectos que esta lei contempla e para os que o texto preliminar establece unha análise integral dos seus efectos e medidas de compensación.
Un dos aspectos máis destacados é a incorporación á declaración de impacto ambiental da valoración dos efectos sociais e económicos dos proxectos mineiros. Xa que estas iniciativas supoñen a mellora das condicións de vida das zonas ricas en recursos naturais, mediante a protección do medioambiente e a creación de emprego.
Pablo Fernández, Director Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais foi o encargado de presentar o proxecto de lei aos asistentes, que durante a xornada xa fixeron as súas primeiras valoracións e achegas.
Neste momento, a Cámara Oficial Mineira de Galicia está a traballar a través do seu Comité Normativo para emitir alegacións e comentarios ao documento para que se adecue coa realidade e as necesidades do sector.