05 Abr Europa prepara a nova Lei de Materias primas minerais
O pasado 31 de marzo, tras a Asemblea da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Manuel Regueiro, responsable de Relacións Internacionais do CSIC- coordinador do Centro Rexional de Innovación do Sur de España de EIT Raw Materials- ofreceu aos asistentes o relatorio “Nova Lei de Materias primas minerais europea, presentación do HUB e Proxecto Internship”.
Durante a charla, Regueiro presentou a proposta lanzada pola Comisión Europea e que “dá resposta ás demandas do sector en España durante os últimos anos”. Trátase dunha lei que será de aplicación directa aos países membros, polo que as normas nacionais e autonómicas deberán axustarse a ela. Esta proposta de lei xorde da necesidade de establecer unha subministración segura e sostible das 34 materias marcadas como estratéxicas pola Unión Europea e das cales, 15 están presentes en solo galego.
Estas materias primas son denominadas como “críticas”, xa que son cruciais para desenvolver tecnoloxías necesarias para a transición enerxética e a dixitalización, á vez que están suxeitas a posibles riscos de subministración, como vén sucedendo tras a pandemia e a guerra de Ucraína. A proposta marca como máximo o 65% do consumo anual da UE de cada materia prima estratéxica en calquera fase pertinente de transformación procedente dun único terceiro país. A lei prevé a supervisión das cadeas de subministración de materias primas críticas e a coordinación das reservas de materias primas estratéxicas entre os Estados membros.
Para alcanzar a independencia de materias primas, outro dos aspectos destacados desta lei é a redución da carga administrativa e a simplificación dos procedementos de concesión de permisos para proxectos de materias primas críticas na UE.
Ademais, os proxectos estratéxicos seleccionados pola Comisión Europea beneficiaranse de axudas para o acceso ao financiamento e de prazos de autorización máis curtos (24 meses para os permisos de extracción e 12 meses para os de transformación e reciclaxe). Así mesmo, os Estados membros tamén terán que desenvolver programas nacionais de exploración de recursos xeolóxicos.
Para impulsar o sector e axudar ás empresas mineiras a afrontar outro dos grandes retos do sector: a falta de persoal cualificado, EIT Raw Materials conta con programas específicos de formación e de captación de talento.