24 Xuñ Investigadores e empresas galegas colaboran para producir silicio de maneira sostible
Un grupo de investigadores galegos están a participar no proxecto SisAl Pilot, que busca producir silicio con baixo impacto ambiental e de forma circular e sostible. Iniciado hai dous anos e cunha duración de catro, está financiado polo programa de investigación e innovación Horizon 2020 da Unión Europea, cun orzamento que supera os 14 millóns de euros.
O proxecto está coordinado desde a Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU) e promovido por un consorcio internacional de 22 socios de tres continentes e do que forman parte centros de investigación e empresas nacionais, como Fundiciones Rey (Galicia) e Befesa (Castela-León).
Pola parte da comunidade galega participan, ademais, a empresa mineira Erimsa, a fábrica Rey Bronze Castings, a empresa de investigación SilBuCam e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).
O obxectivo desta iniciativa é demostrar que pode producirse silicio, extraéndoo do cuarzo –xa que non existe de forma solitaria-, mediante un novo procedemento industrial; non a base de recorrer ao carbón, como ata o de agora, senón utilizando aluminio para reducilo. Unha alternativa máis limpa -non se emite CO2-, máis proveitosa -consúmense refugallos doutros produtos- e máis barata -precísase menos temperatura para a aluminotermia que para a carbonotermia, co que se reducen os custos-.
O silicio é a base da enerxía fotovoltaica, que é a enerxía que neste momento instálase máis no mundo. Dentro das enerxías renovables, esta é a favorita, copando o 50% do mercado. E Galicia está moi ben situada, xa que ten reservas de cuarzo.
Outra aplicación do silicio áchase na produción de microchips, fundamentais para o sector da automoción. A produción mundial da nova aliaxe aluminio-silicio limítase practicamente a China. Ninguén a fabrica en España; e en Europa, só unha empresa do Reino Unido.