13 Xuñ A COMG participa no Comité Executivo de Desenvolvemento Mineiro
A Xunta de Galicia alíñase cos obxectivos do sector mineiro galego para facer deste un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial.
Por iso, Paula Uría, directora de Planificación Enerxética e Recursos Naturais ata a pasada semana, agora Secretaria Xeral de Industria reuniuse o 8 de xuño co Comité Executivo de Desenvolvemento Mineiro, no que tamén participou a Cámara Oficial Mineira de Galicia, para seguir avanzando no deseño da Axenda de Impulso da Minaría Sostible de Galicia.
Unha folla de ruta que se está elaborando a través dun proceso participativo no cal a COMG achegou a súa visión, retos e experiencia.
Tal e como explicou Paula Uría, coa Axenda de Impulso da Minaría Sostible de Galicia, a Xunta busca facer da minaría un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial, asegurando que o proceso de transición ecolóxica e dixital abastézase de maneira sostible coas materias primas autóctonas. Deste xeito, fortalecerase a competitividade do sector nun momento no que o novo modelo industrial require de materias primas, como as minerais -que xogarán un papel clave- así como de procesos de produción eficiente.
Este documento traballa en accións ao redor de tres obxectivos estratéxicos: a modernización e crecemento do sector de maneira sostible; o fortalecemento do talento humano e a responsabilidade social; así como a procura da integración ambiental, o impulso da economía circular e a posta en valor do patrimonio.