27 Dec As canteiras galegas achegaron 146 millóns de toneladas de áridos para o AVE
A minaría galega foi clave para a chegada do AVE a Galicia achegando subministracións e materiais: nos 16 anos de obras investíronse 9.000 millóns de euros destinados a proxecto, construción, escavación e electrificación.
A Asociación Galega de Áridos (Arigal) estima que as canteiras da comunidade achegaron 146 millóns de toneladas de areas, gravas e balasto que permitiron a construción de 314 quilómetros de trazado lineal a través dunha difícil orografía.
En total trataríase dunha cifra duns 3,5 millóns de camións de gran tonelaxe repletos de produtos de canteiras e graveras de Galicia, que se empregaron durante 16 anos para achegar Madrid a Galicia cunha infraestrutura ferroviaria de última xeración. Postos en fila, darían a volta completa á Terra e aínda sobrarían para unir Madrid e Siberia.
O tramo entre Pedralba e Ourense, de 101 quilómetros lineais, atravesa as montañas do macizo central ourensán con 32 viadutos e 31 túneles, moitos deles bitubo, é dicir, cun oco para cada sentido da vía. O tramo suma case 11 quilómetros de viadutos e 126 quilómetros de túneles de ambos os sentidos, nos que se usaron area e áridos para a fabricación de formigón.
“Os produtos áridos das canteiras e graveras de Galicia, sobre todo os da provincia de Ourense e Lugo, foron vitais para a chegada do AVE. As empresas que extraen areas e gravas demostraron a súa capacidade de produción, a súa versatilidade e a calidade dos seus produtos #ante as empresas construtoras máis importantes de España”, explica Alberto Novoa, presidente de Arigal.
O balasto das vías. O recurso árido achegado de maior valor é o que sustenta as propias vías e travesas e denomínase balasto. Trátase dun tipo de árido cunha granulometría especial (entre 40 e 150 mm), que ten a misión de achegar estabilidade á vía ferroviaria, permitindo que resista o paso do tempo coa xeometría dada durante a súa construción.
Das canteiras galegas extraéronse 900.000 toneladas de balasto colocadas entre Rionegro del Puente (Zamora) e Ourense no últimos cinco anos. Previamente, no tramo Ourense-Santiago, executado antes de 2011, colocáronse outro millón de toneladas. As empresas subministradoras, que deben contar con esixentes certificados de calidade para este produto, foron Canteiras de Richinol SL, Francisco Gomez e CIA, Marín Petróleos e Mibasa.