20 Set Recursos Minerales de Galicia presenta Mina Doade ante a Xunta Directiva da COMG
O xoves 19 de setembro, o equipo técnico de Mina Doade presentou o seu proxecto, que aborda a construción dunha mina subterránea e unha planta de tratamento de minerais en Doade-Beariz (Ourense), ante os membros da Xunta Directiva da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG).
A rocha obxectivo deste proxecto é a pegmatita, rica en minerais de litio (Li), da que se obterán, ademais, concentrados de moscovita e feldespatos para a industria cerámica. Mina Doade é un proxecto impulsado por Recursos Minerales de Galicia S.A., empresa filial do Grupo SAMCA, membro da COMG.
Recentemente, Mina Doade puxo en marcha o seu Plan de Participación e Comunicación Pública para involucrar a institucións, persoas e axentes sociais e económicos no proxecto. Con esta acción, a compañía impulsora busca fomentar un enfoque de comunicación aberta e transparente coa comunidade, animando á participación efectiva de todos os axentes implicados, co obxectivo de elaborar un Estudo de Impacto Económico e Social.
Durante o último cuadrimestre de 2024, continuarase coa elaboración dos informes técnicos necesarios para o pase a concesión de explotación do dereito mineiro: Proxecto de Explotación, Estudo de Impacto Ambiental e Plan de Restauración.
Como canle de información, Mina Doade mantén aberta a web minadoade.gal, que reflicte datos actualizados sobre o proxecto mineiro.