08 Mai Publícase a Estatística Mineira de 2022, a investigación anual sobre os datos das unidades produtoras do sector mineiro en España
A Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicou este mes a Estatística Mineira correspondente ao exercicio 2022. Incluída no Plan Estatístico Nacional e os seus Programas Anuais, trátase dunha investigación anual de carácter censal que, partindo dos datos solicitados directamente das unidades de produción, recolle información sobre todas e cada unha das unidades produtoras do sector mineiro existentes en España, tanto a ceo aberto, como interior ou mixtas (todas aquelas explotacións que produciron ou venderon rocas ou minerais no ano en cuestión).
Publicada por primeira vez en 1861, este documento supón a principal fonte de datos da minaría a nivel nacional e é a base para a realización de calquera estudo en profundidade sobre o sector. Os usuarios da estatística son tanto as empresas do sector e os centros de estudo e investigación a nivel nacional e rexional, como os organismos e institucións nacionais e internacionais.
A estatística inclúe un resumo da situación e evolución da minaría nacional e unha análise gráfica das principais magnitudes do sector: valor da produción, produción de hidrocarburos, produción de minerais metálicos, produción de minerais industriais, produción de rocas ornamentais, produción de produtos de canteira, CC.AA. con maior valor de produción, porcentaxe de emprego por CC.AA., valor da produción mineira por CC. AA, explotacións por CC. AA, emprego mineiro, evolución histórica do século XXI e principais fitos do século XXI.
O informe tamén reflicte información detallada, dividida en once táboas, comezando por un resumo comparativo da produción nos últimos anos. As táboas mostran datos de produción consolidada, extracción por substancias, sectorización da produción por destinos, gastos enerxéticos e de consumo de materiais, investimentos, persoal empregado e tamaño das explotacións segundo o emprego. Ditas táboas reflicten os datos por provincias, agrupadas por comunidades autónomas.
Podes consultar a Estatística Mineira de 2022 na seguinte ligazón.