10 Set O desabastecemento de materias primas afecta a toda Europa
Polo menos dous terzos das empresas do sector industrial de Alemaña son incapaces de facer fronte aos pedidos polos problemas de produción, segundo o IFO (Instituto de Investigación Económica de Munich). A porcentaxe das compañías xermanas con dificultades aumentou do 45% ao 63,8%, nos últimos meses. “Esta tendencia podería ameazar a recuperación da economía”, sinala o experto do centro, Klaus Wohlrabe.
Un dos problemas principais desta situación, á parte da consecuente subida dos prezos, é que “na actualidade, os fabricantes aínda seguen atendendo a demanda tirando de stock ou bens terminados, pero están a dicirnos que tamén se están esgotando”, engade Wohlrabe.
Como ocorre desde hai meses en Stellantis (Vigo), o resto de Europa xa sofre as paradas intermitentes da produción fronte a escaseza de semiconductores e microchips. De feito, o 84,4% dos fabricantes de equipamentos eléctricos en Alemaña atravesan serios problemas para conseguir material. Do mesmo xeito que o 84,4% dos fabricantes de automóbiles e o 48,8% das empresas de construción.
En Galicia non se cuantificou o impacto, pero a Confederación de Empresarios (CEG) admite a súa preocupación por “a complexidade e gravidade da situación” porque “o impacto sobre os custos de produción é innegable e difícil de eludir”. Da mesma forma que preocupan os sectores como a construción, que arrastra problemas de subministracións desde o segundo semestre de 2020, xa que moitas das materias primas que utilizan son importadas e a demanda non se pode cubrir coa produción interna. «Referímonos a produtos como aceiro, aluminio, madeira, plásticos ou cobre, metais imprescindibles nos elementos electrónicos e cuxas dispoñibilidades levan á alza moitos lustros, pola altísima demanda e a baixa produción», explican.
Por que escasean os microchips e os compoñentes electrónicos?
Destes compoñentes dependen as industrias do automóbil e as manufacturas electrónicas como as consolas e os videoxogos. O desequilibrio entre a oferta e a demanda que arrastra o mercado desde a pandemia é a principal causa, pero tamén a provisión que está a facer China para garantir as actividades nas súas fábricas ás portas dunha transición verde cuxo éxito dependerá en boa medida do acceso aos minerais.
“Un vehículo eléctrico require seis veces máis minerais que un vehículo convencional. Unha planta eólica mariña require nove veces máis minerais que unha planta de combustión. De igual modo, está previsto que o mercado de baterías de litio creza entre cinco e dez veces máis ata o 2030, a medida que aumente a demanda de infraestruturas e coches eléctricos”, reza un dos informes de traballo do Parlamento Europeo.
Quen é o dono e señor dos minerais? “China domina toda a cadea de subministración a través do seu liderado no refinamento e o procesado. Moitos minerais extraídos son enviados para alí”, admite a institución. Aínda que Chile e Australia albergan as maiores reservas de litio do mundo, a maior parte acaba no país asiático, onde se procesa entre o 50 % e o 60 % do litio de todo o mundo. O mesmo ocorre co cobalto, indispensable para motores e dispositivos electrónicos. A República Democrática do Congo ( RDC) produce o 70 % do cobalto mundial, pero “unha boa parte envíase a China, onde se procesa o 72 % do total extraído no mundo”.