icog-mineria-galicia-web

O Colexio de Xeólogos pide explotar o “gran potencial mineiro” de Galicia

A delegación en Galicia do Ilustre Colegio Oficial de Geólogos considera que é necesario potenciar a exploración e investigación dos xacementos mineiros en Galicia polo seu enorme potencial para o desenvolvemento, emprego e a mellora do nivel de vida da rexión.

Así o recolle nun documento titulado ’21 Propostas para unha política xeolóxica galega’ que remitiu a todos os partidos políticos que concorren ás eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo.

Para o ICOG é fundamental potenciar a eficiencia da exploración e da explotación mineira, xa que resulta un aspecto crucial para o desenvolvemento sostible da industria mineira galega, especialmente no contexto económico derivado da crise do COVID-19. Nese sentido, Pablo Núñez, delegado en Galicia do ICOG, lembra que existen tecnoloxías mineiras modernas respectuosas co medio ambiente.

Actualmente hai plans para abrir explotacións de cobre, níquel, cobalto e coltán; todos eles minerais críticos para a industria segundo a UE e que poderían supoñer a creación dunha cadea de valor en Galicia que se traduciría en postos de emprego e desenvolvemento, “por iso pedimos aos partidos políticos unha aposta clara pola minaría”, declara Pablo Núñez.

A política mineira debe ter tres obxectivos segundo o Colexio: mellorar a accesibilidade dos recursos existentes para atraer investidores, promocionar a exploración e explotación dos recursos autóctonos e crear emprego de calidade que fixe poboación.

Por iso, o documento suxire que os plans municipais de urbanismo inclúan un mapa cos recursos minerais existentes no municipio. “Evitaríase así a esterilización dos recursos mineiros potenciais por outros usos do territorio”, sinala o delegado galego do ICOG.

Así mesmo, lembra a existencia de canteiras, graveras e explotacións de áridos xa existentes en Galicia que xeran traballo na contorna rural e crean sinerxias con outras actividades da zona.

Xeotermia e Xeoparques

Con respecto ás enerxías renovables, o Ilustre Colexio Oficial de Geólogos opina que Galicia debe profundar no aproveitamento dos recursos xeotérmicos, en especial da xeotermia de baixa entalpía para a climatización de edificios, non en balde é unha das autonomías punteiras neste campo, xunto con Cataluña e Madrid, e co liderado técnico da Asociación Clúster da Xeotermia Galega.

Galicia conta cun importante polo de desenvolvemento xeotérmico en Ourense, onde se puxeron varios programas en marcha, moitos deles liderados por xeólogos. O Colexio cre que este modelo debe extrapolarse a outras zonas de Galicia.

“A investigación en enerxías xeotérmicas é a gran esquecida no proceso de descarbonización que tantos problemas de desemprego e peche de empresas está a xerar en Galicia”, lamenta Pablo Núñez.

Outras propostas do ICOG teñen que ver coa conservación do litoral costeiro, a xestión dos riscos naturais, o aproveitamento das augas subterráneas ou o coñecemento xeolóxico en Galicia a través do fomento dos Geoparques como Montañas do Courel, Costa da Morte ou Cabo Ortegal de “especial beleza e valores xeolóxicos”, finaliza Núñez.

Consulta as 21 propostas do ICOG