mina_en_galicia

O Colexio de Xeólogos insta á Xunta a impulsar proxectos industriais

O Ilustre Colexio Oficial de Geólogos (ICOG) valora positivamente as declaracións que Núñez Feijoo fixo durante o seu discurso de investidura, nas que falou de impulsar proxectos que permitan aproveitar os recursos autóctonos. “Galicia necesita unha aposta clara por novos proxectos industriais, entre os que non se debe esquecer a minería”, admite Manuel Regueiro, presidente do Colexio de Xeólogos.

Hai uns días, o presidente Feijóo fixo un chamamento en sede parlamentaria para buscar consensos políticos “afastados da demagoxia” que permitan poñer en marcha proxectos industriais.  “Que cada vez que iniciamos unha explotación mineira, non teñamos un problema, porque Europa e España están para poñer todos os recursos, de acordo coas leis ambientais, para crear emprego e actividade económica”, pronunciou Feijóo.

A delegación do Colexio de Xeólogos en Galicia elaborou un plan con 21 medidas para unha política xeolóxica galega onde a minería é un alicerce central.  “Galicia ten un  gran potencial mineiro que pode servir para crear emprego, fixar poboación e desenvolver tecnoloxías mineiras respectuosas coa contorna”, lembra Manuel Regueiro.

Minerais estratéxicos en Galicia

Ademais, tras o anuncio da Unión Europea de reactivar a extracción de minerais estratéxicos que reduzan a dependencia enerxética de China, o presidente do Colexio de Xeólogos cre que é unha “excelente oportunidade” para a rexión.

“Galicia posúe reservas de 10 dos 30 minerais fundamentais para a UE: antimonio, barita, grafito natural, niobio, tántalo, wolframio, silicio metálico, terras raras, litio e titanio”, explica Manuel Regueiro.

Por tanto, a actividade extractiva destas materias primas na comunidade galega “podería supoñer a diminución da dependencia europea das producións exteriores e ademais impulsaría o desenvolvemento da industria tecnolóxica en Galicia”, engade.

“A garantía na subministración sería un incentivo para estas empresas, que situarían a Galicia dentro da vangarda tecnolóxica mundial”, sinala o presidente do ICOG.