13 Abr Nace RSE Innolab, para fomentar a responsabilidade social nas empresas
RSE Innolab é unha oficina de apoio en materia de responsabilidade social empresarial impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o diálogo e o traballo colaborativo entre as empresas galegas.
A través dela proporcionaranse solucións concretas aos desafíos da RSE e a súa posterior translación ao marco normativo de apoio, ofrecendo ás empresas:
- Servizos de apoio, difusión e asesoramento en RSE.
- Mentorización no deseño dun plan de acción e implantación de medidas neste ámbito.
- Recompilación e estudo de innovacións e boas prácticas de éxito, para promovelas e implantalas.
- Formación
Actividades e servizos
Actualmente pódese solicitar a participación no programa de mentorización, que busca a inclusión da responsabilidade social empresarial nas pemes mediante o impulso de proxectos piloto tutorizados por persoal experto. Máis adiante poñerán en marcha un programa específico para persoal directivo, cun servizo de apoio e asesoramento personalizado, para o deseño de proxectos piloto de responsabilidade social empresarial con impacto na xeración de emprego de calidade.
Outro dos servizos de RSE- Innolab é a formación especializada, a través de programas formativos sobre responsabilidade social, dirixida aos diferentes colectivos das empresas, a cal dotará a todos os participantes do coñecemento e as ferramentas para desenvolver con éxito un modelo de negocio competitivo e sustentable, a través de información actual, práctica e rigorosa.
As formacións previstas pódense consultar nesta web.
Estratexia RSE
Todas estas iniciativas enmárcanse na Estratexia Galega de RSE 2019-2021 da Xunta de Galicia, que tamén inclúe un observatorio de RSE en Galicia, a convocatoria de premios, información e documentación sobre esta materia, boletíns de noticias, axudas e subvencións.