13 Nov Magnesitas de Rubián obtén o Premio Galicia de Enerxía 2023
A empresa mineira Magnesitas de Rubián foi galardoada cun dos Premios Galicia de Enerxía 2023, entregados polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia (AIIG). A gala á que asistiu o presidente da COMG enmárcase dentro dos obxectivos da entidade de que outros sectores recoñezan a achega e os casos de éxito das empresas mineiras como unha parte fundamental do tecido industrial galego.
Estes premios recoñecen as mellores traxectorias no fomento e implantación de boas prácticas no campo da enerxía. Magnesitas de Rubián obtivo o recoñecemento na categoría de enerxías renovables.
A empresa, situada no Incio, é a única que produce magnesita na comunidade galega, un mineral fundamental para a alimentación do gando bovino.
A empresa lucense é un referente en eficiencia enerxética, descarbonización e sustentabilidade. Actualmente conta con dúas plantas solares fotovoltaicas, unha que achega o 25% da enerxía que consome a fábrica e outra en construción que dará servizo á mina situada en Vila de Mouros.