José Lista Tasende, novo presidente da COMG

A xunta directiva da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), reunida onte por vía telemática, acordou nomear ao empresario José Lista Tasende como o seu novo presidente. Ademais, incorpóranse ao equipo directivo como vicepresidentes Mónica Rodríguez, en representación de Porriñesa de Canteiras ( Pocasa) e Juan José Lopez, director xeral de Caolines de Vimianzo; e José Luis Fernández, xerente de Áridos do Mendo, como tesoureiro-contador.

José Lista Tasende (Carballo, 1968), que xa formaba parte da xunta directiva da COMG, é tamén presidente da Asociación de Áridos de Galicia (Arigal) desde 2016 e foi presidente da Federación Áridos española entre 2017 e 2018. Dirixe Lista Granit, unha empresa familiar dedicada á extracción de áridos e granito, así como á comercialización de materiais de construción que iniciou a súa actividade en 1969.

“Sabemos que Europa está a camiñar cara a un novo modelo industrial, e en Galicia temos os recursos e o potencial para achegar valor e posicionarnos na vangarda dos novos modelos produtivos. Espérannos anos de transformación en todos os ámbitos: desde o modelo enerxético ata o tipo de agricultura ou gandería, pasando polo téxtil. A minaría, un dos alicerces da nosa industria, non vai ser allea a estes cambios. Por iso, confiamos na capacidade dos galegos para aproveitar os seus recursos mineiros de forma sostible. Desde a Cámara faremos todo o posible para que sexa dunha maneira exemplar”, explica o novo presidente da COMG, que afronta un período de importantes retos para o sector.

Lista Tasende substitúe na presidencia a Juan de Dios Martín Aparicio, que exerceu como presidente desde 2013 a 2020.