Na tarde do 3 de decembro, tras a celebración da gala do centenario, a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) celebrou a XVIII edición dos premios Santa Bárbara. Estes galardóns, de carácter honorífico e periodicidade anual, recoñecen a relevancia do sector mineiro no desenvolvemento industrial e social de Galicia, así como o seu compromiso coa innovación, a divulgación e a sustentabilidade.
Nesta edición, o premio á Traxectoria foi concedido a José Luis Fernández Piñeiro, polos seus máis de 50 anos de vínculo e defensa do sector mineiro. Á fronte de Áridos do Mendo, S.L., o seu liderado e visión permitiron transformar unha empresa familiar na única empresa que explota ouro en Galicia e terras raras en toda España. Fernández Piñeiro foi tamén secretario de ARIGAL desde a súa fundación ata 2015, membro da patronal do formigón e da xunta directiva da COMG durante unha década.

Na categoría de Comunicación, a COMG distinguiu a Pablo Núñez Fernández, pola súa extensa traxectoria de divulgación para mellorar o coñecemento social da minería e das xeociencias. Ao longo da súa carreira, teceu pontes entre o ámbito técnico e a sociedade, contribuíndo a desmitificar a actividade mineira e poñer en valor o papel estratéxico dos recursos minerais. O seu labor, ademais, esténdese ao plano europeo a través da Federación Europea de Xeólogos, promovendo o diálogo con institucións comunitarias e fomentando unha comunicación rigorosa sobre materias primas e políticas enerxéticas.

O premio á Minería Sostible recaeu no programa Campo Sementa, impulsado por Cerámica Campo. Esta iniciativa destaca pola súa contribución ao desenvolvemento sostible da industria, da sociedade e das comunidades locais, a través da formación técnico-práctica e da difusión do coñecemento. Campo Sementa xera oportunidades reais e sementa o futuro profesional de novas xeracións no sector industrial galego, convertendo a empresa nun axente activo de transformación e cohesión territorial. Recollu o galardón Jacobo Campo, director xeral de Cerámica Campo.

Os premios Santa Bárbara, xa consolidados como referencia no sector, visibilizan e estimulan a contribución de profesionais, empresas e entidades á evolución da minería galega, promovendo a innovación, a comunicación e a sustentabilidade como eixes fundamentais para o futuro.

