O VII Congreso Nacional de Áridos reuniu en Córdoba a empresas, administracións e persoal técnico do sector para debater sobre sustentabilidade, relación co contorno e competitividade. Este ano a presidencia da Federación de Áridos osténtaa ARIGAL, con Alberto Novoa á fronte, reforzando a proxección e o liderado do sector galego a nivel estatal.

O programa do congreso contou con máis sesións estratéxicas e técnicas, mesas de debate, zona expositiva, encontros profesionais e visitas técnicas, posicionándose como un nodo clave para debater tendencias e retos do sector.

Entre os seus eixes xerais atopáronse:

Transición enerxética e descarbonización da cadea de valor dos áridos. Economía circular, restauración ambiental e biodiversidade. Seguridade e saúde laboral, cultura preventiva e excelencia operativa. Dixitalización, automatización e talento. Marco normativo, ordenación do territorio, licenzas e relación coa sociedade. Comunicación e reputación sectorial, xunto con innovación e competitividade industrial.

Ademais da Cámara Mineira de Galicia (COMG), a representación galega foi moi notable coa presenza de empresas como Canteras de Richinol, Pasek Minerales, General de Hormigones, Recursos de Galicia, Erimsa e Prebetong Áridos (grupo Votrantim). Estas dúas últimas, ademais, foron patrocinadoras do Congreso. Así mesmo, o proxecto de participación social e comunicación de Mina Doade foi recoñecido co primeiro premio na subcategoría “Participación na Comunidade Local” dos Premios Nacionais 2025 da Fundación Minería y Vida, dentro da categoría “Proxecto destacado en Xestión Social – Gran Empresa”. O fallo pon en valor un enfoque participativo e de transparencia que, segundo destaca o xurado, constitúe unha experiencia pioneira no sector extractivo en España e un referente en Galicia en materia de compromiso social.

Por parte da Xunta de Galicia, durante o Congreso interveu o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, nunha mesa redonda sobre os retos da competitividade para a industria española. Salientou o papel crucial da industria dos áridos na descarbonización da economía. Ademais, sinalou a importancia de combinar unha menor complexidade nos trámites administrativos coas maiores garantías a nivel ambiental á hora de aprobar un proxecto.

Na mesma liña interveu o subdirector xeral de Recursos Minerais, Diego Casal Ramos, durante unha sesión dedicada ás limitacións para o acceso aos recursos e ao camiño a percorrer cara á simplificación administrativa.

Pola súa banda, o director de Minaría de Recursos de Galicia, Carlos Martínez Torres, participou nunha sesión sobre economía circular, salientando o papel chave do sector dos áridos nesta materia.

No caso da COMG, a presidenta, Cecilia Trancón, estivo na sesión “Relacións co contorno social e gobernanza sectorial”. Na súa intervención, Cecilia Trancón subliñou que os áridos teñen un papel chave na creación de valor social e a necesidade dunha gobernanza responsable que integre sustentabilidade e participación social, onde é fundamental unha labor didáctica co contorno.

Defendeu a importancia de cooperar coa comunidade para lograr licenza social para operar, facilitando estándares de gobernanza elevados e unha convivencia baseada na confianza.

Ademais, lembrou que os áridos son o segundo recurso máis consumido tras a auga: arredor de 3 Tn/persoa/ano en España, fronte a 5,7 Tn/persoa/ano de media europea. Este nivel de demanda explica o número de explotacións e a necesidade de relacións sólidas coas comunidades locais.

No caso de Galicia existen 4,3 explotacións de áridos por cada 1.000 km² (7.ª posición en España), fronte á media estatal de 3,4, e o sector dos áridos é dos que acumulan maior experiencia en relacións comunitarias dentro da minaría.

O congreso consolidou o seu papel como foro imprescindible para aliñar o sector cos grandes vectores de cambio: sustentabilidade, dixitalización, seguridade, economía circular e diálogo coa sociedade.

Apertura Congreso Áridos

Apertura Congreso Áridos