A Cámara Oficial Mineira de Galicia celebrou o seu Centenario este 2025, poñendo de manifesto a historia da minería galega, unha das máis antigas de Europa, e a historia da propia Cámara. A celebración dos 100 anos de actividade da COMG, fundada en 1925, contou con diversas actividades ao longo do ano para poñer de relevo a importancia do sector e o papel que xoga Galicia no desenvolvemento socioeconómico de España e Europa a través dos minerais. Tamén serviu para homenaxear todas as persoas que construíron o sector: presidentes, xuntas directivas, directores e directoras, e equipos técnicos que fixeron posible que a Cámara acadase os seus numerosos fitos.

A renovación da súa imaxe e a creación dun selo propio do Centenario, unha mostra itinerante para recoñecer a historia da minería galega, así como un libro editado, conversas con talento galego vencellado directa e indirectamente co sector, ou unha gala de recoñecemento cun galardón exclusivo deseñado para a ocasión, son algunhas das actividades levadas a cabo durante este ano.

Deste xeito, a COMG, nesta celebración do seu Centenario, consolida a súa misión de unir as voces de quen forman parte deste sector.

A continuación detallamos as actividades e iniciativas polo Centenario da COMG:

  • Nova imaxe para a COMG nesta nova etapa: o logotipo actual procura transmitir, a través dun símbolo que integra as siglas principais do órgano (CM) e un identificador que inclúe a denominación oficial da Cámara, o concepto de “usar a riqueza que emana da nosa terra para medrar”.
  • A nova imaxe da entidade tamén incorpora o selo do Centenario, cun símbolo e lema propios: “Cen anos de minería unidos polo futuro de Galicia”. Esta renovación pretende conmemorar un fito de grande valor para a Cámara, como é a celebración dos seus cen anos de vida, dando visibilidade ao seu papel como axente impulsor do desenvolvemento económico, industrial e social de Galicia. Do mesmo xeito, procura reflectir a riqueza do territorio galego e a súa capacidade para exercer como motor do crecemento industrial na comunidade.
    logo Centenario
  • Exposición ‘Tesouros da Terra’: a través de oito tótems divulgativos, que percorreron distintas localidades galegas, faise un percorrido polos subsectores da minería, reflectindo a súa historia desde os antigos fenicios, pasando pola época romana, até a actualidade. Ademais, ponse de manifesto o seu papel clave na transformación da economía e da cultura da rexión, repasando os principais fitos da COMG desde a súa fundación en setembro de 1925.inauguración Lugo
  • Recuperación e reimpresión do primeiro boletín da Cámara Mineira, publicado en 1925, onde se describe a constitución da Cámara e os seus propósitos.
    primer boletín
  • Espazos de diálogo arredor de diferentes temáticas para recuperar o pasado, presente e futuro de Galicia e destacar o valor do talento galego, especialmente en ámbitos relacionados cos recursos naturais. Para iso, reflexionamos sobre o valor cultural, artístico e identitario da pedra natural galega desde unha dobre perspectiva: as súas posibilidades como motor creativo en disciplinas como a arte, o deseño e a comunicación visual, e a súa proxección cara ao futuro a través da evolución do oficio da cantería. Tamén falamos sobre os tipos de liderado e a súa influencia para atraer talento ao rural e poñer en relevo o desenvolvemento socioeconómico que supón a fixación de poboación nestas zonas. Por último, puxemos de manifesto a necesidade e o impacto dos minerais críticos para o desenvolvemento da dixitalización en Galicia.A pegada galega na transformación dixital
  • Libro sobre a historia da Cámara Mineira de Galicia, da man do xornalista José Salgado, no que se recolle a capacidade de transformación da entidade ao longo deste século, adaptándose aos novos retos do sector e unindo todos os subsectores mineiros galegos baixo unha visión común de sustentabilidade, innovación e compromiso co territorio.Portada libro Centenario
  • Reunión da xunta directiva na primeira sede da COMG, na rúa Riego de Agua da Coruña.
  • Gala de Centenario: un evento no que se recoñeceu, cun galardón exclusivo para esta ocasión, os 12 presidentes que mantiveron en activo a COMG durante estes 100 anos: Ramón del Cueto; Antonio del Moral Sanjurjo; Pedro Barrié de la Maza; Isidro Parga Pondal; Francisco Rosado Aznar; Fernando Herránz Villafruela; Antonio Campo; Francisco Aréchaga; Juan de Dios; José Lista Tasende; Juan José López Muñoz e Cecilia Trancón. Podes ver o resumo aquí,

Con toda esta perspectiva, a Cámara Oficial Mineira de Galicia afronta o futuro como motor de desenvolvemento, diálogo e excelencia, unindo empresas, profesionais, sociedade e institucións arredor dun obxectivo común: unha minería galega moderna, responsable e orgullosa da súa historia.