16 de setembro, a exposición ‘Tesouros da terra: a minería galega a través do tempo’ da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) chega a Lugo como parte dos actos conmemorativos do seu Centenario. A mostra percorre 2.500 anos de historia mineira en Galicia a través de oito paneis divulgativos. Estará dispoñible para a súa visita na Praza Maior úa do Príncipe ata o 30 de setembro.


A actividade mineira: testemuña da evolución de Galicia

A exposición ‘Tesouros da terra’ reflicte a historia da minería en Galicia desde os antigos fenicios, pasando pola época romana, ata a actualidade, trasladando o seu importante papel na transformación da economía e da cultura da rexión. A través de oito tótems divulgativos, a mostra explora as distintas etapas da actividade mineira na comunidade, que comezou coa minería do ouro nos séculos I e II, cando Galicia, antes Gallaecia, recibiu o seu nome debido á abundancia das súas minas de ouro.

A mostra tamén destaca a relevancia dos diferentes subsectores da minería, como a lousa, motor da economía na comarca ourensá de Valdeorras; ou as augas mineromedicinais, un dos recursos mellor valorados polas súas propiedades terapéuticas, no aproveitamento das cales Ourense é líder; entre outros.

Por último, a exposición repasa os principais fitos da Cámara Oficial Mineira de Galicia desde a súa fundación, en setembro de 1925, coa misión de unir as voces de quen traballaba no subsolo galego, ata a actualidade.


Cen anos da Cámara Oficial Mineira de Galicia

Con motivo do Centenario da Cámara Oficial Mineira de Galicia, a entidade representante do sector industrial dos recursos minerais na comunidade levou a cabo unha renovación da súa imaxe corporativa. O novo logotipo busca transmitir, a través dun símbolo que integra as siglas principais do organismo (CM) e un identificador que inclúe a denominación oficial da Cámara, o concepto de “usar a riqueza que emana da nosa terra para medrar”.

A nova imaxe da entidade tamén incorpora o selo do Centenario, cun símbolo e lema propios: “Cen anos de minería unidos polo futuro de Galicia”. Esta renovación pretende conmemorar un fito de gran valor para a Cámara, como é a celebración dos seus cen anos de vida, dando visibilidade ao seu papel como axente impulsor do desenvolvemento económico, industrial e social de Galicia. Do mesmo xeito, busca reflectir a riqueza do territorio galego e a súa capacidade para exercer como motor do crecemento industrial na comunidade.