Este mércores, 3 de decembro, a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) celebrou en Santiago de Compostela unha gala para conmemorar o seu centenario, un acto que rendeu homenaxe aos 12 presidentes que lideraron a institución ao longo da súa historia. O evento, celebrado no Hotel Monumento San Francisco, reuniu a familiares dos primeiros presidentes, a quen estiveron á fronte da Cámara nas últimas etapas, así como a empresarios e representantes do sector. Tamén contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, do delegado do Goberno e da conselleira de Economía, Industria e Innovación, entre outras autoridades.

A gala comezou coa presentación dun galardón único, creado en cerámica de Buño por Risco Estudio, deseñado como símbolo da identidade mineira galega e concibido especialmente para este centenario. Durante o evento, os asistentes tamén puideron revivir a publicación do primeiro boletín da entidade e recibiron o Libro do Centenario, escrito por José Salgado. Esta obra percorre a historia da Cámara desde a súa fundación en 1925 ata a actualidade, poñendo en valor o esforzo colectivo e a evolución do sector.

Ao longo do acto recoñeceuse o labor de todos os presidentes que fixeron posible a continuidade e o crecemento da institución: desde Ramón del Cueto en 1925 ata Cecilia Trancón, presidenta actual. Trancón subliñou na súa intervención que “este centenario non é só unha data: é o recoñecemento a xeracións de profesionais, empresas e administracións que traballaron para que a minería galega sexa hoxe tradición, historia e, sen dúbida, un piar estratéxico para a transición enerxética, a innovación tecnolóxica e o desenvolvemento industrial”.

Ademais, a actual presidenta destacou que “todos os sectores —empresas, administración, universidades, traballadores— forman parte desta engrenaxe que move Galicia e contribúe a Europa. Hai que asumir que sen minería non estariamos aquí, sen ela non habería desenvolvemento, nin industria, nin progreso”. A presidenta lembrou tamén durante a súa intervención a misión da Cámara desde 1925: unir as voces de quen traballa no subsolo galego, e recalcou o orgullo de contribuír ao labor da institución neste ano tan especial.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor o traballo das persoas, familias e empresas que durante un século sostiveron o sector, e reafirmou o compromiso do Goberno de España para que Galicia siga liderando a transición ecolóxica, enerxética e industrial, cunha minería sostible, innovadora e estratéxica. Pola súa parte, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacaron o peso da minería galega, a súa capacidade para xerar emprego e riqueza, e a oportunidade única que representan os minerais críticos para o futuro da comunidade.

A gala do centenario puxo o broche final a un ano cheo de actividades conmemorativas, entre as que destacan a exposición itinerante “Tesouros da terra”, o ciclo de almorzos e a renovación da imaxe corporativa da Cámara, baixo o lema “Cen anos de minería unidos polo futuro de Galicia”.